Ourense | Levantouse o telón da 26ª edición do OUFF no Auditorio Municipal da cidade que desde as 20.00 horas comezou a recibir ao público e persoeiros pola xa tradicional alfombra azul do Festival. A gala, que foi conducida por Lucía Álvarez, estivo marcada por unha sentida homenaxe ás figuras do cinema que nos teñen acompañado nos últimos anos.
Nomes como Fernando Fernán Gómez e Luís García Berlanga, que estarán presentes nesta edición por mor do centenario do seu nacemento, soaron no Auditorio, xunto cun adianto do que se verá en Ourense nos vindeiros días: cine. Cotolay, A língua das Bolboretas, A Esmorga, Sempre Xonxa subiron tamén as táboas do escenario porque se algo caracteriza estes 26 anos de Festival de cine é o recoñecemento e posta en valor de Ourense como plató universal de cinema, punto de encontro do audiovisual galego e porta de saída cara novos escenarios nacionais e internacionais.
A actriz e directora ourensá, Lucía Álvarez púxose aos mandos deste evento no que a emoción dos premiados fixo de fío condutor. E é que ata catro foron os premios, obras de Manuel Buciños, entregados durante o acto.
A actriz lusa Leonor Silveira recolleu a Calpurnia de Honra Internacional de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Luma Gómez, Premio da Fundación AISGE a toda unha traxectoria, recibiu o seu galardón de Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia e o produtor Alfonso Blanco “Fosco” agradeceu o seu Premio OUFF Ourense. A entrega completouse co primeiro Premio OUFF Chano Piñeiro que recaeu en Beli Martínez. Luz Montes e Carmen Leyte foron as encargadas de facerlle a entrega.
Música e cine
O toque musical do acto correu a cargo do dúo Cómplices, que interpretaron a piano e voz varias cancións do seu repertorio. Foi o caso de “Un lugar en el mundo”, “Rosa gnóstica”, “Hombre lobo” e “Poeta Universal”. Momento especial da cerimonia no que cine, música e literatura, presentes todos nesta edición, se uniron foi durante a lectura dun dos poemas de Rosalía de Castro por parte de Lucía Álvarez con Teo Cardalda ao piano.
A estrea da longametraxe Malencolía puxo o punto final a unha gala que serviu de repaso ás rodaxes que pasaron por Ourense, como é o caso da propia Malencolía. O seu director Alfonso Zarauza e parte do equipo da película subiron ao escenario antes da proxección para presentala diante do público asistente e cerrar o círculo que comezou coas gravacións en Boborás, O Irixo e O Carballiño.
Ourense volcouse un ano máis cun OUFF que, na súa 26ª edición, quere achegarse cada vez máis a un público fiel e comprometido. Foron moitas as caras coñecidas, representantes do mundo audiovisual galego e tamén os rostros anónimos que quixeron participar na gala inaugural tanto no patio de butacas como no photocall que este ano se colocou no exterior do Auditorio para que os verdadeiros protagonistas do festival, os espectadores, puideran gozar da alfombra azul. O cine, en definitiva, patrimonio de todos.
Proxeccións
Ata o vindeiro venres, 2 de outubro, a cidade de Ourense será de novo epicentro dunha semana de cine, talleres, actividades paralelas, rutas, literatura, sesións especiais e cine, moito cine. Historias que se estrearán en Ourense (16 estreas, 10 delas a nivel mundial), longametraxes que se poderán ver por primeira vez na cidade e que que veñen de ser premiadas en festivais como Venecia, a Berlinale e Cannes, comedias, thrillers, documentais… En definitiva, 71 obras audiovisuais e títulos de primeiro nivel.
Haberá cine e máis premios fóra da sección oficial de longametraxes e curtos. O músico Sergio Moure recibirá o Premio OUFF Especial desta edición, a Calpurnia de Honra, o galardón máis importante do festival, irá a mans do director Gonzalo Suárez (Teatro Principal, o vindeiro luns 27 de setembro).
O martes, a directora Ainhoa Rodríguez será premiada co Premio Eduardo Barreiros que recoñece á mellor ópera prima do cine español, e o mércores será o momento para José Coronado, que recibe o Premio OUFF Televisión. Enrique Cerezo recibirá o Premio OUFF Memoria do Cine Español e o presidente do xurado de Sección Oficial Iván Trujillo, o Veliano de Honra que outorga a Fundación Carlos Velo.