Vigo | O Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo celebrará, o próximo luns 24 de xullo, o seu Festival Folclórico Internacional no campo do Vao. O acto comezará ás 21:30 horas mais a apertura de portas das instalacións do Coruxo F.C. será ás 21:00.
Trátase dun acto anual que A Buxaina organiza en colaboración co Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo (CRACC) e que ten como obxectivo principal dar a coñecer as expresións culturais doutros recunchos do mapa. Esta diversidade contribúe a fortalecer a cohesión social por medio das músicas, bailes e traxes típicos dos países que pisarán o escenario.
O Folclórico Internacional de Coruxo, popularmente coñecido como FIC, é un festival creado xa en 1990 polo Grupo Etnográfico A Buxaina, converténdose así nun festival pioneiro en Galicia. Mostra disto son as elevadas cifras de asistencia nas edicións desta última década que teñen como media os 2.000 espectadores.
Este ano conta coa visita de grupos chegados dende Alemaña (Frormern Swabian Alb Verein), Asturias (Grupo Folklórico Trebeyu), Serbia (Akademsko Drustvo Novi Beograd) e, o grupo anfitrión, Galicia (Grupo Etnográfico A Buxaina).
Celebrarán tamén un serán o sábado 22 de xullo, a partir das 20:30, no torreiro da capela do Vao no que haberá un obradoiro aberto ao público de baile asturiano a cargo do Grupo Folklórico Trebeyu e a actuación do Cé Orquestra Pantasma.
Dende A Buxaina, invitan a todo o mundo a pasar unha noite máxica viaxando polas danzas e as músicas tradicionais dos países convidados. Para máis información contactar en: etnograficoabuxaina@gmail.com.