Festival Internacional de Teatro de Ourense do 17 ao 27 de outubro

O FITO cumpre 17 edicións e incorpora novos espazos, como o Liceo e o municipio de Celanova

Ourense | A XVII edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) volverá a converter a Ourense na capital galega do teatro do 17 ao 27 de outubro, co apoio da Deputación. A presentación da programación desta nova edición tivo lugar hoxe no Teatro Principal, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández.

César Fernández reivindicou o traballo realizado pola organización do FITO ao longo destes anos que permitiu consolidalo como “un evento referente na axenda cultural da provincia de Ourense”. Un proxecto que permite “achegar a cultura con espectáculos teatrais de enorme calidade a todos os públicos e en diferentes localizacións, sendo un elemento dinamizador moi importante para a vida social e económica da cidade”.

De feito, Fernández parabenizou a Sarabela “por facer realidade unha historia, a do FITO, chea de éxitos e bos momentos” e recalcou que desde a Deputación “temos claro o valor da Cultura para o noso territorio e da importancia do apoio das administracións”.

Tamén participaron na presentación o director de AGADIC, Jacobo Sutil, quen definiu ao FITO como “un dos proxectos estratéxicos da escena galega”; o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Rodríguez, quen salientou a cooperación constante coa Universidade de Vigo; o alcalde de Celanova, Antonio Puga, que animou aos amantes do teatro a descubrilo en Celanova; o xerente do Liceo, José Luis Troitiña, que amosou o seu entusiasmo por integrar a este espazo cultural no Festival; a directora do Festival, Fina Calleja, quen agradeceu “a colaboración inestimable de todos os aliados do FITO”; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, quen lembrou que “o Teatro Principal e a Deputación Provincial sempre estiveron ao carón do FITO desde o seu inicio hai 17 edicións”.

Espectáculos de primeiro nivel
Este evento cultural reúne unha vez máis en Ourense a compañías de teatro nacionais e internacionais ofrecendo ao público espectáculos de primeiro nivel no Teatro Principal e noutras localizacións da cidade, como é o caso do Liceo de Ourense. Ademáis, nesta edición incorpórase como novidade o Concello de Celanova, que albergará diversos espectáculos.

A programación comezará o mércores 16 no Liceo de Ourense con Vía Morta, de Culturactiva. As entradas xa está á venda en www.ataquilla.com e tamén na billeteira do Teatro Principal, dúas horas antes do comezo do espectáculo. Toda a información do Festival Internacional de Teatro de Ourense está dispoñible en www.fitoourense.com.