A Coruña | O Festival RESIS de música contemporánea continúa esta fin de semana con tres eventos no marco da súa quinta edición.
A súa proposta para estes días inclúe a inauguración da instalación sonora de Marc Vilanova, un dos escultores sonoros de referencia, mañá sábado ás 12:00 na Fundación Luis Seoane. Na tarde de mañá, ás 20:00 no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (MuNCyT), o proxecto “A Proxección Sonora”, para achegará a música ás persoas xordas.
Por último, o domingo o concerto “Cold Trip” de LAB.51, estreará en España de dúas pezas no museo de Belas Artes ao mediodía.
Escultor sonoro de referencia
A Fundación Luis Seoane albergará mañá sábado, 7 de maio, ás 12:00 a obra máis recente do saxofonista e artista multidisciplinar Marc Vilanova. Baixo o título de Limen, Vilanova presenta unha escultura que explora os ultrasons, frecuencias que se atopan por encima do nivel auditivo do ser humano que forman parte da súa experiencia cotiá coa contorna.
Un espectáculo que involucra ás persoas xordas.
Pola súa parte, o proxecto “A Proxección Sonora” é o resultado dos tres obradoiros dirixidos a persoas xordas, co obxectivo de achegarlles ao mundo da música. Deste modo, mañá sábado 6 de maio, ás 20:00, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (MuNCyT) acollerá dúas performances e unha presentación multimedia, interpretadas polo alumnado xordo e o profesorado de Pulso Ensemble.
Ademais de incluír a persoas con discapacidade auditiva na actividade, o espectáculo é accesible para persoas xordas. As representacións contarán con catro intérpretes de lingua de signos, carteis informativos así como mochilas vibratorias, que permiten que as persoas xordas compartan a experiencia musical.
Este proxecto está financiado pola Fundación Emalcsa, ao abeiro da VI Convocatoria ‘Cultura accesible e Inclusiva’, en colaboración co MuNCyT. Tamén contan co apoio de ACOPROS, Asociación de Colaboración e Promoción das Persoas Xordas; e de FAXPG, Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
Por último, LAB.51 ofrece este domingo un dos concertos máis importantes da quinta edición do Festival RESIS, baixo o título “Cold Trip”. O dúo interdisciplinar fórmano a soprano, Johanna Vargas, e a pianista, Magdalena Cerezo, co obxectivo de superar o concepto tradicional de “Liedduo”, mesturando a voz e o piano coa arte performativa e os recursos multimedia. A cita será ás 12:00 no museo de Belas Artes da Coruña e inclúe a estrea en España de varias pezas.
As entradas aos tres eventos desta fin de semana son de balde e poden retirarse a través de Ataquilla.com ou no kiosco da Praza de Ourense. Máis información sobre o concerto e as entradas na web do Festival: https://resisfestival.com/
Un festival para toda a cidadanía
En total, o Festival RESIS 2022 programa 7 concertos, entre os que destaca especialmente “Pléïades”, a homenaxe polo centenario do compositor Iannis Xenakis, o 14 de maio no Castelo de Santo Antón a cargo de Arxis Ensemble.
A programación complétase con mesas redondas, máster class, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. Todas elas poden consultarse na web do festival: https://resisfestival.com/
O Festival está apoiado polo Concello da Coruña, Turismo da Coruña, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e a Cidade da Cultura. Ademais de firmas como Gadis, o Despacho de abogados Caruncho&Judel e Zapata y Garrido Asesores, Bodegas Petrón, xunto a entidades de prestixio como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal da Coruña, a Fundación Luis Seoane, o Museo de Belas Artes e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), entre outros.