Ourense | A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciou o cartel da súa 16ª edición, que se celebrará do 5 ao 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín.
A Xunta de Galicia mantén a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións británicas e portuguesas e do pianista galego Fabio Álvarez.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do encontro, e a súa coordinadora, Conchi da Silva. O representante da Consellería de Cultura felicitou a organización polo cartel deste ano e pola súa aposta continua por achegar a música clásica a todo tipo de públicos grazas á descentralización do evento e á elección de espazos singulares para os concertos.
Concertos nos mosteiros de Santo Estevo e Oseira
Así, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, acollerá o 7 de maio a actuación de Fabio Álvarez, mentres que o de Santa María de Oseira, en San Cristovo de Cea, será o escenario para o recital de peche o 14 de maio a cargo do cuarteto vocal The Orlando Consort, procedente de Reino Unido.
Na cidade de Ourense, o conxunto de corda portugués Quarteto Alcipe tocará na Igrexa de Santo Anxo o día 10, mentres que o Liceo recibirá o día 5 o tamén portugués Americantiga Ensemble e o día 12 o Kosmos Ensemble, trío británico de violín, viola e acordeón.
As entradas para a 16ª edición do Festival Internacional Pórtico do Paraíso están xa á venda tanto en liña, a través da súa web, como físicamente no Liceo de Ourense e en Musical González. Na foto o mosteiro de Oseira, en Cea.