Illa de San Simón | O festival Sinsal SON Estrella Galicia activará mañá, 26 de maio, a venda de abonos para a nova edición do festival, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na illa de San Simón.
A través da plataforma web Enterticket, e a partir das 11.00 horas, o público poderá adquirir o abono de tres días que, por un prezo reducido, lle permitirá gozar dunha tríade de xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas, en canto a estilo e orixe das bandas. A entrada inclúe a viaxe en barco de ida e volta desde o litoral até a illa redondelá, na que as asistentes entrarán en contacto co patrimonio natural e histórico de San Simón.
Nesta edición, no lugar de ofrecer abonos de dous días, Sinsalaudio ofrece un abono único e completo para o festival, pois a programación de cada xornada será completamente diferente á do día anterior.
Por segundo ano consecutivo, no cartel secreto de Sinsal SON Estrella Galicia o programa diario será radicalmente distinto, sen repetir ningunha actuación, o que permitirá ao público gozar artistas de múltiples estilos e orixes e que van desde Galicia até Corea, entre outros países.
Neste sentido, un dos alicientes da programación é que o 90% as bandas tocarán por vez primeira no territorio galego grazas ao Sinsal SON Estrella Galicia.
Outra das novidades deste 2022 respecto as dúas anteriores edicións é que o festival retomará o seu horario habitual, de xeito que, mentres que a xornada do vernes 22 se desenvolverá en horario de tarde, tanto o sábado 23 coma o domingo 24 o festival terá lugar ao longo de toda a xornada, desde pola mañá e até o luscofusco.
Nas vindeiras semanas Sinsalaudio dará a coñecer novas actividades paralelas que se poderán realizar na illa.
Abono en función da idade e do porto de saída
A partir das 11.00 horas de mañá o público que acceda a Enterticket.es poderá seleccionar o seu abono en función do embarcadoiro desde o que desexe viaxar a San Simón: como é habitual, estarán situados no porto de Vigo e Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande). Aquelas persoas que decidan partir desde a cidade olívica gozarán dunha estancia de maior tempo na illa e, ademais, dunha bóla extra: cada xornada poderán desfrutar dun concerto máis ao desembarcar en San Simón.
Alén do embarcadoiro, os prezos dos abonos variarán en función da idade do público (maior ou menor de 16 anos). Por unha banda, no caso das persoas adultas, os abonos de Vigo terán un prezo inicial reducido de 119 euros, mentres que no caso de Meirande o prezo de partida será 105 euros.
Pola outra, o prezo deste tipo de entrada para as e os menores de 16 anos, ou que teñan esa idade no momento de celebración do festival, será de 45 euros (Vigo) ou 40 euros (Meirande). Como novidade, este ano Sinsal incorpora a posibilidade de que as persoas usuarias do Carné Xove poidan optar a un desconto do 15% sobre o prezo inicial á hora de adquirir os abonos, que se realizará sobre as primeiras 100 compras.
A organización recorda que o número de abonos de Sinsal SON Estrella Galicia é limitado e convida ao público a non quedar sen a oportunidade de descubrir as músicas locais, nacionais e internacionais que se agochan este ano baixo o cartel secreto. Para calquera dúbida, Sinsalaudio lembra que se pode visitar a páxina de FAQ’s do espazo web http://festival.sins.al coas consultas máis habituais que se reciben.
Entradas de día
De cara á semana seguinte, o luns 30, sairán á venda as entradas de día de Sinsal SON Estrella Galicia. Todas aquelas persoas interesadas nesta modalidade de entradas, que inclúen tamén o traslado á illa desde Meirande ou desde Vigo, poderán adquirilas a partir das 11.00 horas tamén a través da plataforma Enterticket. Ao igual que no caso dos abonos, o prezo dos billetes variará en función da idade (persoas maiores ou menores de 16 anos) e do embarcadoiro no que se tome o barco.
Os horarios de barcos e prezos das distintas modalidades de entradas están dispoñibles na páxina web oficial http://festival.sins.al, na que toda a información estará permanentemente actualizada para consulta do público.
Sinsal SON Estrella Galicia
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal.
Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo.
Ao longo destas dúas décadas, Sinsalaudio xerou un ecosistema único no panorama de eventos musicais e, desde 2010, celebra o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, do que salienta o seu cartel: un programa secreto para as e os asistentes, que confían no criterio de Sinsalaudio para gozar das creacións máis estimulantes e vangardistas.