Festival Solidario Manos Unidas na Guarda

A Guarda | O Centro Cultural da Guarda completou o seu aforo na celebración do Festival solidario Manos Unidas. Evento, presentado por Emilia Otero, que tiña como obxectivo principal loitar contra as desigualdades e buscar a colaboración dos veciños, veciñas e autoridades presentes na loita contra a fame.

A actuación que abriu o festival a prol da acción de Manos Unidas contra a fame foi a do acordeonista Daniel Vilanova, que interpretou dous temas moi aplaudidos polos presentes e que foron o inicio perfecto para esta xornada de música e solidariedade.

 

A continuación viu un dos pratos fortes da tarde: a presentación do libro “La Voz del Silencio” de Oliva María Pereira González. A primeira en intervir foi Begoña Cebrián Acuña, presidenta da delegación de Manos Unidas na provincia, que expresou o seu agradecemento aos asistentes e colaboradores do evento e fixo unha pequena presentación, chea de emoción, dos proxectos que está a desenvolver a ONG como, por exemplo, o que están a levar a cabo en zonas vulnerables de El Salvador.

 

En segundo lugar interviu a xornalista e poeta Aurea Sánchez, encargada de introducir a vida e obra da autora de “La Voz del Silencio”. Así fixo unha pequena achega sobre a súa relación persoal e profesional, repasou as obras anteriores de Oliva María e falou un pouco da súa biografía, destacando que a solidariedade e a capacidade da autora para dar voz aos que non a teñen son as súas principais características. Para rematar, a propia Oliva María falou da súa obra e da motivación para realizala, que en esencia é a de axudar aos desfavorecidas. Ademais afirmou que no libro conta os seus soños, luces e sombras e que os lectores se verán reflexados neles.

 

Tras a presentación do libro continuaron as actuacións, como a do Trío Luetto que achegou unha gran interpretación dos temas “Aleluya” e “Tu gitana”. Logo chegou o baile co Grupo Baile Moderno Xamaraina, que bailou dous temas de dous estilos moi diferentes, demostrando que na Guarda hai moita canteira para a danza.

A continuación dúas nenas leron ante os presentes dous dos poemas recollidos en “La Voz del Silencio”, a publicación anteriormente presentada, no que foi un momento moi especial para autora.

 

Tras esta emotiva lectura volveu o ritmo cos Grupos de baile do Ximnasio Do Majó. Primeiro o grupo infantil e despois o xuvenil trouxeron moito ritmo e alegría á xornada. Un ritmo e alegría que non fixo máis que aumentar coa actuación das Pandereteiras Coiro Vello, que ofreceron ao público as pezas “Vals de amor” e “Desfeita galega”.
Dende Vigo viu a seguinte actuación, co Grupo de Baile Bambalina, na que tanto o grupo infantil como o xuvenil arrancaron os aplausos entusiasmados do público.

 

Xa para dar por concluída esta velada, na que todos os participantes buscaban colaborar no posible a erradicar a fame nos lugares máis desfavorecidos, realizouse a entrega dos agasallos en agradecemento aos participantes, sorteáronse os premios das rifas vendidas na entrada do evento para colaborar con Manos Unidos e pechouse a velada coa poderosa actuación da Coral do Rosal.