O Pereiro de Aguiar | Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense, participou, acompañado do alcalde, Luis Menor, e do vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, na presentación do festival Xoldra de Aguiar que se celebrará o 30 de xullo no Concello de Pereiro de Aguiar, e que ten como principal obxectivo a posta en valor do rural coa cultura das festas populares como instrumento catalizador dun evento musical durante o día, desde a sesión vermú ata a noite, ademais de contar con programación infantil.
Trátase dunha iniciativa patrocinada por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello do Pereiro de Aguiar, onde a convivencia, a música e o bo ambiente serán os protagonistas dunha xornada na que os veciños poderán gozar dun evento no rural, ao aire libre, das actuacións dos grupos galegos Lamatumbá, Os do Fuelle e Brinkadelia.
Tamén a gastronomía, que forma unha parte importantísima de calquera evento destas características, terá presenza cun posto de pulpo e comida tradicional galega, así como grupos de animación para nenos e nenas.
O prezo das entradas, á venda en Ataquilla.com, teñen un prezo individual de 15 euros, dos que 5€ destinarase ao Banco de Alimentos do Concello do Pereiro de Aguiar.