Coa atención global no Mundial qatarí, a actualidade internacional ven presentando escenarios de preocupante tensión e volatilidade no que ten que ver coa democracia e as tentacións populistas e autoritarias.
As autoridades alemáns desarticularon este 7 de decembro unha tentativa de golpe de Estado por parte dun grupo da ultradereita coñecido como Reichsbürger, na que tamén apareceron membros do partido Alternativa por Alemaña (AfD) e grupos neonazis, incluso contando cun ex aristócrata e algúns efectivos policiais. Planeaban asaltar o Bundestag, o Parlamento Federal en Berlín, emulando quizáis o “trumpista” asalto ao Capitolio de Washington en xaneiro de 2021.
Por certo, as autoridades, que avisaron dun “abismo de ameaza terrorista”, certificaron con este suceso as conexións da ultradereita alemá co grupo QAnon, inspiración das teorías de conspiración tan célebres do “trumpismo”. Non esquecemos que precisamente os nazis terminaron tomando o poder pola forza en 1933, valéndose do tristemente célebre “incendio do Reichstag” (imaxe de abaixo) que puxo fin á acosada democracia da República de Weimar instaurada desde 1919.
Cruzando o charco, e un día antes, o mércores 6, a xustiza arxentina ditaminou a condea a seis anos de cárcere e inhabilitación política por dez anos contra a ex presidenta e actual vicepresidenta Cristina Fernández de Kirchner. Fálanse en medios, principalmente de esquerdas, dunha especie de “lawfare”, un proceso viciado de connotacions políticas similar ao acontecido co tamén ex presidente brasileiro Lula da Silva en 2018. Sexa como sexa, a sentenza xudicial contra Cristina K condiciona o xa de por si polarizado escenario político arxentino, con particular incidencia de cara ás eleccións presidenciais pautadas para finais de 2023.
E tamén está Brasil. Lula asumirá por terceira vez a presidencia o vindeiro 1º de xaneiro de 2023 nun contexto, se cabe, máis fortemente polarizado que no caso arxentino. Se ben aceptou a regañadentes a súa derrota, o “Trump” carioca, o actual presidente e rival electoral de Lula, Jair Bolsonaro, segue atizando ecos nas redes “bolsonaristas” sobre un suposto fraude electoral en novembro pasado, outro émulo das queixas de Trump coas eleccións 2020 que lle deron o triunfo a Joe Biden. O “bolsonarismo” en Brasil está moi activo e preme (incluso vía golpe militar) evitar que Lula asuma a presidencia.
Moi perto de alí temos a Perú, en crónica crise política e institucional desde 2016. O actual presidente Alberto Castillo decidiu este 7 de decembro disolver o Congreso e decretar un “estado de excepción” para evitar unha terceira moción de censura, neste caso por presunta conexión criminal do entorno presidencial, que moi probablemente poría fin ao seu atribulado mandato.
O que semellaba ser unha repetición do “Fujimorazo” de 1992 rematou en bluff para Castillo: como resposta, a maioría do Congreso decidiu destituí-lo da presidencia por presunta “permanente incapacidade moral”, nomeando unha nova presidenta en Diana Boularte. As forzas armadas e a policía nacional non acataron o “Fujimorazo” de Castillo, quen foi detido no Pazo Presidencial e levado á Prefectura. E por suposto dende Washington denunciaron que non aceptarían calquera tipo de saída “anticonstitucional” por parte de Castillo. Sen necesidade de moción de censura, a oposición peruana logrou o seu cometido: sacar pola vía legal a Castillo da presidencia. Pero compre tamén facer aquí algunhas interrogantes, obviamente sen ánimos de establecer paralelismos irreductibles: non estamos no Perú de 2022 asistindo a un escenario máis ou menos similar ao de Bolivia en 2019 coa caída de Evo Morales? Será Diana Boularte unha especie de ‘nova Janine Yáñez’, a presidenta boliviana que substituíu a Morales trala súa renuncia?
“Crises e tentativas golpistas que definen revanchismos políticos pero tamén preocupantes síntomas de malestar co modelo político e institucional imperante”
Crises políticas en ámbolos dous lados do Atlántico que, polo momento e a falta de novidades, poñen fin a un turbulento 2022 atizado pola guerra ucraína e as tensións xeopolíticas sino-estadounidenses. Crises e tentativas golpistas que definen revanchismos políticos pero tamén preocupantes síntomas de malestar co modelo político e institucional imperante e as “seductoras” vías (a cabalo entre a ‘relativa’ legalidade e a ‘atractiva’ sedición) para desarticular en vez de reformar. Mal presaxio para o mundo que nos agarda este 2023.