Financiamento autonómico: O estado é xuiz e parte.

O Estado español é moi descentralizado canto ao gasto. E moi centralizado, pola contra, canto ao ingreso (agás os coñecidos supostos do concerto vasco e o convenio navarro). Como tamén pasa coa lexislación eléctrica, unha normativa adoptada no 2009 e caducada hai xa oito anos e unha praxe de goberno común ao PP (2012-2018) e PSOE (2010-2011 e 2019 até de agora) definiron un marco xurídico-financeiro tan comprensíbel para os expertos nas materias conexas como o chinés mandarín. Que non diríamos a respecto da cidadanía do común sen especiais coñecementos técnicos.

Mais pescudando, pescudando, o sistema de financiamento ten un lote de trampas para as Administracións autonómicas (sanidade, educación, nível institucional da dependencia) e locais (atención primaria nos servizos sociais e financiamento de moitos dos servizos de proximidade–competencias impropias– que require a veciñanza). É dicir, as que terman do núcleo esencial do gasto e investimento útiles na nosa vida cotiá.

Moi axiña da vixencia do actual sistema de financiamento o Estado (e aquí PP e PSOE decidiron sen diferenza ningunha) aproveitou a lexislación anticrise para lexislar o permanente infrafinanciamento dos servizos que desenvolven as Administracións autonómicas e locais. Dende 2012 até 2022 (ambos os dous incluídos) os recursos da Administración do Estado medraron nun 88,7% mentres os das Administracións autonómicas só nun 40,5%. Agás os casos das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla e de Madrid, polo efecto sede da súa recadación (con só o 19,4% PIB recada o 46% do IRPF e máis do 55% do IVE e dos Impostos especiais –II.EE.– de todo o Estado) todas as autonomías de réxime común partillan o mesmo infrafinanciamento, moi vencellado a un desaquelado e caduco concepto de “capacidade fiscal”, que limita cadansúa capacidade nunha canastra de tributos (50% IRPF e IVE, 58% II.EE. dos alcoholes e petróleo e 100% do eléctrico) abertamente insuficiente para financiar o que realmente importa, mentres os crecentes recursos estatais abrollan para finalidades ben diferentes.

“Na última lei de Orzamentos a capacidade de endebedamento do Estado a respecto das administracións autonómicas era de 40 a 1 (2,4% PIB fronte ao 01,1%/PIB)”

Na última lei de Orzamentos a capacidade de endebedamento do Estado a respecto das administracións autonómicas era de 40 a 1 (2,4% PIB fronte ao 01,1%/PIB). Mentres, os concellos carecen desta posibilidade de se endebedar, mesmo nin cos seus propios superávits.

Na Galicia sufrimos tres consecuencias adicionais. No financiamento local perdemos máis de 600 M€/ano por mor de considerar o Estado cadansúa poboación local para as súas achegas, no canto de transferirmos á Galicia o 5,2-5,4% que representamos por poboación ou PIB (fíxense que non falo de solidariedade, senón de parámetros obxectivos; arestora recibimos só pouco máis do 3,3% dos fondos estatais).

Outra chata é o concepto legal de “poboación axustada”, que despreza para calcular as nosas necesidades o avellentamento da nosa poboación (fulcral para financiarmos a xeito a nosa sanidade e dependencia) e máis o seu espallamento. A terceira é a débeda histórica nos investimentos do capital social básico.

Isto todo sen prexuízo da conveniencia de transitarmos ao réxime de concerto –con recadación total de todos os tributos e pagamento ao Estado dunha cota polos servizos que presta– que defenderon Alexandre Bóveda, Carlos Mella (e canda él, no seu tempo, o presidente Albor e o vicepresidente Barreiro Rivas) e os soberanistas galegos Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Anxo Quintana, Xavier Vence e Ana Pontón. Un sistema a respecto do que moitos prognostican unha subhasta de perdas para Galicia, sempre con nomeadas variacións entre unha e outra avaliación e sen alicerces comúns que permitan comparar cadansúas análises.

Nas actuais circunstancias todas as cuestións que atinxen ao financiamento do público serán fulcrais no próximo futuro.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.