Lugo| O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que Fitur “debe ser, este ano máis que nunca, o foro que sirva para relanzar o Xacobeo 21-22 e apuntalar a nosa posición como destino turístico seguro”. Arias participará entre hoxe e o venres en diversos actos de promoción da provincia no marco da 41º Feira Internacional de Turismo de Madrid, unha das máis importantes do mundo e a primeira que se celebra de xeito presencial dende a irrupción da pandemia.
Neste contexto, asegurou, “queremos rendibilizar o esforzo de adaptación realizado nos últimos meses, as medidas incorporadas na hostalería, e as características dunha oferta turística baseada na cultura e na natureza coa que invitamos á desconexión”.
O delegado asistiu ao acto inaugural “Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia”, co que arranca a actividade no stand da Xunta de Galicia. Entre os actos nos que participará mañá figuran a presentación do II Congreso gastronómico e cultural “… E para comer, Lugo no Camiño”, organizado pola Asociación Provincial de Hostalería e Turismo de Lugo, ou eventos de difusión dos xeodestinos dos Ancares e a Mariña lucense.
“O delegado asistiu ao acto inaugural “Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia”, co que arranca a actividade no stand da Xunta de Galicia”
Tamén asistirá o venres á presentación da oferta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra ou da iniciativa “A paisaxe de Galicia dende a bicicleta”, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entre outros.
O stand de Galicia
Toda a actividade promocional de Galicia ten lugar nun stand de mil metros cadrados que a Xunta pon a disposición das administracións locais e as entidades que desexan presentar a súa oferta turística.
O recinto divídese en dez espazos expositivos dedicados a diferentes produtos e destinos turísticos e prevese a celebración de máis de 40 presentacións, ademais dunha zona dedicada aos profesionais que amplía a súa capacidade e incorpora un set virtual para reunións en liña.
A área de Galicia na feira complétase con obradoiros de artesanía en vivo, actuacións musicais na fin de semana e un espazo de degustación atendido polos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia.