Foi un avogado e poeta galeguista que naceu en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, en 1903 e morreu en California en 1987. Viviu na aldea até os seis anos e despois, por necesidades profesionais do seu pai, que era funcionario do Servizo Agronómico, trasladáronse a Ourense, onde viviron catro anos, despois a Palencia e máis tarde a Valladolid, onde viviron desde 1915 até 1928. Florencio tivo como lingua materna o galego.
E, practicamente, foi un autor monolingüe. Tivo tamén a sorte de que na súa casa había unha boa biblioteca familiar. En 1928 volveu a Valdeorras, onde se aproxima ao galeguismo, chegando a exercer como interlocutor do galeguismo da comarca ante o deputado Ramón Otero Pedrayo. Tamén se achegou ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que foi socio protector.
Publicou poemas na prensa da época. Cando Castelao é desterrado a Badaxoz e Bóveda a Cádiz, un grupo de galeguistas da comarca, entre os que está Florencio Delgado, acompaña a Castelao en tren desde Monforte de Lemos até o Barco de Valdeorras. O noso poeta apoia a alianza coa Fronte Popular. Cando se produce o golpe fascista, Florencio fuxe ao monte.
Un irmán seu era falanxista e advírteo de que fuxa da zona. Tamén lle propón facerse da Falanxe, porén o noso poeta rexeita esa opción. E fuxe a Portugal, dalí vai a Francia e e entra por Cataluña para alistarse en Barcelona no Servizo de Información do Exército da República.
Afiliouse á UGT e ao Socors Roig de Catalunya; porén no ano 1938 xa é da executiva do Partido Galeguista, exercendo como secretario de propaganda. Coa derrota da democracia, pasa a Francia e dalí a México. Onde realiza diversos traballos, segue escribindo poemas e publicando. Continúa no PG e participa na delegación mexicana do Consello de Galiza. En 1963 publica en Galaxia “Galicia infinda”.
No verán de 1968 regresa por primeira vez a Galiza e a Valdeorras. Viaxe que repetirá en 1976 e en 1981.
En 1986, pouco antes do seu pasamento ao ano seguinte, publica “O soño do guieiro”. Eu non coñecía este autor antes de adicárselle o Día das Letras deste ano e, probablemente, non esté a dicir nada moi interesante, son moi consciente diso; porén a cuestión non é esa, senón se convén ou non exercer o meu dereito á liberdade de expresión (a pesar de presións e ameazas sutís e difícis de demostrar, consellos prudentes e perigos individuais e colectivos…). E remato xa con esta estrofa de Delgado Gurriarán:
Reiseñor meigo que no agro frorido
Arrolas cantando ao serán durmido
¡ouh doce troveiro!