Tui | O escritor Florencio Delgado Gurriarán visitará este mércores, 8 de xuño, ás 18.00 h a Biblioteca Pública Municipal de Tui grazas a unha actividade de animación á lectura que corre a cargo do grupo de contacontos “Polo correo do vento”. Esta actividade está patrocinada pola Deputación Provincial de Pontevedra e conta coa colaboración do Concello de Tui.
A Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) está dedicado este ano o Día das Letras Galegas que recoñece ao poeta valdeorrés como unha das voces mais senlleiras da literatura galega contemporánea, especialmente dende o seu exilio en América.
A través desta actividade denominada “De Valdeorras a México. Terra A Nosa” a compañía de contacontos “Polo correo do vento” realiza unha actividade na que se alterna a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración e a interpretación de diversas pezas musicais. Contarase ademais con tradución en lingua signos para que a actividade sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun coloquio e obradoiro onde cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán.
Esta actividade está organizada pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do seu departamento de Memoria Histórica e conta coa colaboración do Concello de Tui que inclúe esta actividade dentro da súa programación de actividades “Tui en letras” que abrangue os meses de maio e xuño.