Cadernos da viaxe.
Estes últimos días Galicia coñeceu unha das peores vagas de lumes da súa historia e, dende logo, a peor dende a sofrida a mediados de outubro de 2017 nas bisbarras de Vigo, Condado e Carballiño. Nunha única semana as hectáreas queimadas sobardaron as 30.000 (máis de 10.000 no Courel, máis de 10.000 en Valdeorras e case 6.000 no parque natural do Invernadeiro, no macizo central ourensán). Ardeu, xa que logo, un terzo máis ca todo o queimado ao longo do cuadrienio 2018-2021.
“A responsabilidade da Xunta de Galicia presidida por Alfonso Rueda é evidente, como o foi tamén a da Xunta presidida por Núñez Feijóo naquel outubro de 2017”
A responsabilidade da Xunta de Galicia presidida por Alfonso Rueda é evidente, como o foi tamén a da Xunta presidida por Núñez Feijóo naquel outubro de 2017. Daquela moitas das brigadas de extinción non estaban xa operativas por considerar, desaqueladamente, xa pechada a tempada de lumes. Neste 2022 a vaga comezou a mediados de xullo e bateu contra un sistema de extinción con poucos recursos mobilizados.
Voceiros da veciñanza do Courel denunciaban que en todo o distrito forestal que abrangue O Courel, Terra de Lemos e Quiroga non existía ningunha brigada municipal de extinción funcionando antes do 15 de xullo e que aínda estaba previsto comezaran traballar xusto na pasada fin de semana do Carme. As mesmas fontes denunciaban que noutros anos era normal que en xuño as devanditas brigadas xa estivesen operativas.
Foron os poucos brigadistas operativos, bombeiros voluntarios chegados doutros lugares de Galicia e máis a propia veciñanza as persoas que salvaron as aldeas, mesmo ás veces contrariando unhas ordes de desaloxo que, como pouco moitos, alcuman de temperás de máis. Porque na dinámica dos lumes de Valdeorras e o Courel salváronse as aldeas e casas que foron defendidas pola propia veciñanza. Ao tempo, a experiencia amosou tamén que os soutos de castiñeiros e as terras adicadas ao uso agrícola contribuiron frear o lume, fronte aos pirófitos piñeirais.
Dende diversos sectores do PP rural reclámase sotto voce a a remuda do conselleiro de Medio Rural e máis do Director Xeral de Defensa do Monte. Xa que logo, o Presidente Rueda habería comprender que os erros e neglixencias deste Goberno apúntanse xa no seu balance e non no dun Núñez Feijóo que os nomeou e que xa está atento a escenarios moi afastados do noso País.
De calquera xeito, malia a ineficacia amosada pola Xunta nas tarefas de extinción (probábelmente tanto pola insuficiencia xa relatada de medios como polas desaqueladas decisións da cadea de mando) as ensinanzas aprendidas esixen por en valor a prevención. Porque son a reagrarización e reforestación con especies autóctonas e máis a repoboación e posta en valor do medio rural os principais alicerces dunha necesaria prevención na que, por certo, o sector beneficiario da extinción insiste moi pouco.