Fondo Galego de Cooperación inaugura na Illa do Príncipe o Foro da Lusofonia

Coa participación de representantes de seis países de lingua oficial portuguesa e de cinco concellos galegos

Aldea Global | O IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía deu comezo esta mañá en Santo António (São Tomé e Príncipe), coa participación de representantes locais e rexionais de seis países de lingua oficial portuguesa e de cinco concellos galegos. ‘Gobernanza local para o desenvolvemento sostible’ é a temática central do encontro, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Rexión Autónoma do Príncipe e financiado pola Xunta de Galicia, que houbo de adiarse debido a unha incidencia nas conexións aéreas entre illas.

O presidente do Goberno Rexional do Príncipe, Filipe Nascimento, apuntou na inauguración que estas xornadas permitirán “profundizar no compromiso coa sustentabilidade” e serán “unha brúxula para mellorar a articulación de cara a acelerar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Pola súa banda, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, remarcou que nestes encontros “todos aprendemos das experiencias dos demais, en pé de igualdade”.

A apertura contou asemade coa intervención en pantalla de Jesús Gamallo, secretario xeral de Relacións Exteriores e coa UE, quen expresou que “unha das prioridades da Xunta de Galicia é o achegamento aos países de lingua oficial portuguesa” e anunciou a intención de potenciar a cooperación coa Rexión Autónoma do Príncipe. Estiveron tamén presentes, entre outras autoridades, as e os representantes da Laracha, Allariz, Burela, Nigrán e Gondomar, que esta tarde terán a oportunidade de compartir as súas boas prácticas en xestión medioambiental nunha versión concentrada do programa inicial.

No entanto, os traballos iniciáronse xa o luns na Illa de São Tomé, con xuntanzas da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, na que, alén do Fondo Galego e a Rexión Autónoma do Príncipe, participan entre outras a Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa, Frente Nacional de Prefeitos (Brasil), Rexión de Cacheu (Guinea-Bissau), Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos e Asociación Nacional dos Municipios de Mozambique. Fomentar a aprendizaxe mutua entre os gobernos locais, incrementar a eficacia nos proxectos de cooperación internacional e colaborar na territorialización da Axenda 2030 son algúns dos obxectivos desta alianza e das propias xornadas.

Deste xeito, todas as entidades citadas achegarán hoxe as súas propostas no IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que tamén contará coa participación do Fons Menorquí de Cooperació, a Empresa de Auga e Electricidade de São Tomé e Príncipe, proxecto WACA, STP Digital e Grupo HBD. Cambio climático, áreas protexidas, xestión do lixo, educación ambiental ou turismo sustentable son algúns dos grandes temas a abordar.

Xa mañá, a axenda completarase con visitas a sede da Reserva da Biosfera, un centro de valorización de residuos, a fábrica de chocolate e distintas cooperativas.

Novas vías de cooperación
São Tomé e Príncipe non é considerado país prioritario pola Cooperación Española pero si polo Fondo Galego que, de feito, no mes de setembro recibía a visita do presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascimento. Deste xeito, tanto membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como do Fons Menorquí de Cooperació contan na illa cunha axenda complementaria encamiñada a identificar futuros proxectos que poidan ser financiados por estas asociacións de municipios.

Cómpre sinalar que o cacao é o cultivo principal en São Tomé e Príncipe e representa máis do 60% das exportacións do país, seguido polo café e os cereais. Á agricultura básica únese a pesca artesanal, aínda que a actividade que máis contribúe ao PIB é o pequeno comercio, nun 30%.

O turismo é tamén un sector en auxe nesta antiga colonia portuguesa, que acadou a independencia en 1975 e que actualmente é unha república democrática. En canto ao Índice de Desenvolvemento Humano, São Tomé e Príncipe sitúase no posto 138º de 191 países. Dos seus 223.364 habitantes, o 66% viven en situación de probreza e un 25% de pobreza extrema. Presenta, no entanto, unha alta taxa de alfabetización, que chega ao 93%.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.
+info: https://fondogalego.gal/concellos-galegos-presentan-en-sao-tome-e-principe-casos-de-exito-en-xestion-ambiental/