Pontevedra | A Deputación mellorará a mobilidade peonil no camiño escolar da EP-3102 ao CEP Pedro Caselles, no concello de Tomiño, cunha nova achega do IDAE de 239.444 euros a través do Programa DUS 5000 de axudas para inversión a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, financiado con fondos NextGeneration EU.
As obras, que xa se están a executar na EP-3102, están a permitir impulsar a seguranza viaria nun tramo moi concorrido pola cidadanía de Tomiño, xa que amais do centro escolar tamén da acceso á igrexa e ao cemiterio.
Estes recursos, “proba de que os fondos europeos están chegando tanto a Galicia como á provincia, máis incluso do que poderíamos soñar” e revalidan, tal e como subliñou Carmela Silva, “o noso modelo de mobilidade centrada nas persoas, na mellora da eficiencia enerxética e na recuperación do espazo público, que nos ten convertido xa na gran referencia de Galicia e do Estado”.
A achega do IDAE cobre o 85% do orzamento total da obra de 286.235 euros, de tal maneira que Deputación e Concello, “que facían toda a achega para recuperar este espazo público”, tan só teñan que aportar 32.754 e 14.037 euros, respectivamente, o que permitirá, asegurou Carmela Silva, “dispoñer de recursos para dedicar a outras obras”. A actuación, que xa está en marcha con máis da metade executada, abrangue un tramo de 400 metros desta estrada provincial, concretamente os comprendidos entre o CEP Pedro Caselles e a intersección coa Avenida Baixo Miño.
A obra de mellora inclúe a construción dunha senda peonil de 3,78 metros, mentres que a sección da calzada, na que se reforzará o firme e se reporá a capa de rodadura, estará constituída por dous carrís, un en cada sentido, cun ancho de 3,2 metros e beiravías a ambos lados. Ademais, reordenarase o espazo na zona próxima á “Rotonda do Chepas”, actuando en toda a sección viaria, e continuando coa senda de 4,65 metros de ancho na marxe dereita. Tamén se disporá unha banda de aparcamento en liña de 2,6 metros de ancho.
Por outra parte, os traballos completaranse coa incorporación de elementos redutores de velocidade e a renovación da iluminación viaria, que incluirá novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética, diminuíndo o consumo anual de enerxía final nun 23%, así como co drenaxe de pluviais. A maiores, engadirase máis vexetación á contorna cun novo arborado, soterraranse os servizos de alumeado, rede eléctrica e de telecomunicacións e reinstalaranse sinais verticais e horizontais.