Ponteareas | Arranca unha nova edición dos obradoiros de emprego dual centrados na atención sociosanitaria a dependentes. En total, 20 persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves comezaron hoxe no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea a súa andaina formativa no curso ‘Coidar de Nós IV’, un obradoiro dual que permitirá ofrecer “unha oportunidade laboral á veciñanza, mellorando a súa empregabilidade, a súa inserción laboral e as súas posibilidades de futuro”.
Así o destacou a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila, durante o acto inaugural no que tamén participou a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Méndez; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Este taller de emprego dual terá unha duración de nove meses e contará cun investimento de arredor de 29.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e 347.000 euros pola Xunta de Galicia. O obradoiro distribúese en dous módulos diferenciados, un de Atención Sociosanitaria, con prácticas centradas no coidado de persoas dependentes a domicilio, e outro de Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes, que actuará no Parque Forestal da Picaraña de Ponteareas e no Chan de Vide das Neves.
Xunto ás ensinanzas teórico-prácticas, as persoas participantes poderán realizar prácticas en empresas da contorna grazas ao formato dual da formación.
A temática formativa dos obradoiros é elixida pola propia Concellaría de Formación e Emprego “en función da posible empregabilidade, que actualmente está en máis dun 90%. É ademais unha grande oportunidade para a veciñanza para traballar en dous sectores con moito retorno positivo na nosa contorna”, salientou a edil, Vanesa Fernández.
Nos últimos anos na vila do Tea desenvolvéronse sete proxectos cunha subvención superior aos dous millóns de euros.