O Porriño | O IES Pino Manso acolleu onte a última das charlas sobre primeiros auxilios dirixidas ao persoal dos centros educativos do municipio. Esta formación, impulsada pola consellería de Sanidade no marco do Plan de Saúde Local coa colaboración do Sergas a petición do profesorado, tivo unha grande aceptación e desenvolveuse en todos os centros educativos de primaria, secundaria e educación especial do Porriño.
Ángeles Charle, doutora do Centro de Saúde do Porriño, e María Villar, MIR de medicina familiar e comunitaria no centro sanitario porriñés, foron as encargadas de impartir a formación.
Esta centrouse na atención ante urxencias médicas, tanto previsibles como non previsibles, nos centros educativos. Se ben destacaron a importancia da cadea de supervivencia nas urxencias vitais, que comeza coa chamada ao 112, no caso de urxencias vitais, aprenderon nocións sobre como abordar os incidentes máis habituais aos que se poden enfrentar: atoramentos, síncopes, hipoglucemias, ataques epilépticos, shocks anafilácticos etc…
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, achegáronse onte a participar dunha das formacións e agradecer ao persoal sanitario a súa disposición a participar destes programas.