Formación gratuíta para recuperar a cestería local en Mondariz

Entre o 12 e o 23 de setembro no centro social

Mondariz | Entre o 12 e o 23 de setembro, o centro social de Mondariz acollerá un curso gratuíto de cestería de 60 horas financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Enrique Táboas, último artesán en activo vencellado á tradición cesteira de Mondariz, e Idoia Cuesta, referente da innovación na cestería contemporánea, serán os formadores principais deste curso intensivo.

Esta acción formativa complementa a produción do documental “Notas sobre os cesteiros de Mondariz”, presentado o ano pasado para reivindicar a memoria do oficio e a viabilidade da súa recuperación como estratexia de desenvolvemento local.

Desde o inicio do seu mandato, o Goberno municipal de Mondariz trata de aproveitar todas as oportunidades para desenvolver proxectos que permitan recuperar o oficio de cesteiro/a na localidade, hoxe en día en perigo de extinción. O ano pasado, no marco do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, produciu un filme documental xunto á compañía EscénaTe –vinculada a Mondariz a través do produtor Santiago Pérez, natural da localidade– que reivindicaba a memoria e a innovación da tradición cesteira a través de artesáns como Enrique Táboas e Idoia Cuesta.

“Este foi o primeiro paso, pero desde o principio tiñamos claro que a formación é fundamental para avanzar na recuperación do oficio”, destaca Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e promotor deste proxecto.

Deste interés gobernamental xurdiu este ano a oportunidade de acoller un curso gratuíto de cestería de 60 horas financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Xunta de Galicia. O proceso de inscrición xa está en marcha na Oficina Virtual do Medio Rural (https://ovmediorural.xunta.gal/es/consultas-publicas/acciones-formativas) co código FC2022F136001 (“Recuperación da cestería en Mondariz”).

As clases, impartidas por insignes cesteiros/as como Enrique Táboas e Idoia Cuesta, terán lugar nas instalacións do Centro Social de Mondariz de luns a venres, durante dúas semanas (do 12 ao 23 de setembro) en horario intensivo (os luns, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas; os martes e mércores, de 15 a 21 horas; e os xoves e venres, de 15 a 20 horas).

“Levamos tempo buscando colaboración de diversas institucións galegas para emprender esta acción formativa. O noso obxectivo é crear un programa de formación continua na localidade para recuperar o oficio de cesteiro/a, pero este curso intensivo pode servir para achegar coñecementos básicos a persoas que están interesadas”, explica Barros.

Tanto Enrique Táboas como Idoia Cuesta, os dous formadores principais deste curso de recuperación da cestería de Mondariz, teñen protagonismo no documental “Notas sobre os cesteiros de Mondariz”. Táboas, vencellado familiarmente a Mondariz, está considerado o último cesteiro da tradición local, caracterizada por empregar láminas de madeira na elaboración dos cestos. No curso de setembro formará ao alumnado precisamente na cestería de láminas, tanto no referente á fabricación artesanal das láminas de madeira como na técnica de elaboración de cestos. Cuesta, pola súa banda, é unha cesteira afincada en Lugo que encarna a innovación do oficio. No curso introducirá ao alumnado á cestería de vimbio e tamén tratará a importancia de innovar nas técnicas, nos usos e na comercialización en varias sesións prácticas sobre cestería contemporánea.

“Hoxe en día, a cestería ten aplicacións múltiples en decoración, arquitectura, paisaxismo,… A actividade de Idoia Cuesta é inspiradora neste sentido. Estamos convencidos de que a recuperación do oficio pode ofrecer alternativas profesionais a moitas persoas, especialmente nesta localidade con longa tradición cesteira nas familias”, comenta o alcalde de Mondariz.

Ata as últimas décadas do século XX, era raro atopar unha familia de Mondariz que non tivera un cesteiro na casa. Ademais de vender os cestos nas feiras da contorna, estes artesáns desprazábanse coas súas ferramentas e o seu coñecemento ás comarcas vitivinícolas de Ourense ou ás zonas con actividade pesqueira da costa pontevedresa para fabricar os cestos alí onde eran máis demandados. A chegada dos produtos de plástico deu a estocada definitiva á crise deste modo de vida, e o oficio deixou de transmitirse de pais a fillos, como era habitual.

“Sobre a tradición cesteira de Mondariz hai bastante investigación. O gremio local incluso tiña unha fala propia”, apunta Barros. “Mais con esta acción formativa de recuperación da cestería de Mondariz non miramos cara o pasado, senón cara o futuro”.