Formación para axentes culturais en A Coruña

O edil José Manuel Sande destaca que a proposta, cuxas sesións presenciais serán gratuítas, “nace como demanda do propio sector”

A Coruña |​ O Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita un plan específico de formación dirixido a persoas emprendedoras, dinamizadoras e axentes do sector cultural, coa finalidade que, a través dunha serie de obradoiros presenciais, tanto os e as profesionais que se dedican ás artes escénicas ou están vinculadas co sector, como persoas que teñan interese na xestión cultural, poidan ampliar os seus coñecementos sobre materias en relación co desenvolvemento do seu traballo. “Este curso, que nace con vocación de continuidade, xorde como resposta ante necesidades e demandas detectadas desde a área de Culturas do Concello da Coruña”, sinalou Sande, “co obxectivo que ampliar a formación das creadoras e dos creadores locais, para que poidan converter os seus produtos en propostas capaces de chegar a todos os públicos e garantir, deste xeito, a continuidade do seu labor artístico”.

Así, o responsable municipal defendeu que o Plan pretende “reforzar a maior profesionalización do sector, pero tamén abrir a xestión cultural a aqueles axentes ou dinamizadores informais que non están vinculados dun xeito directo ao tecido ou industria cultural, pero que si estarían dispostos a dar este paso”, expuxo, en referencia as propostas recibidas dentro do programa de apoio Cultura de Barrio. “Con este plan, as persoas que reciban a formación, poderán tamén mellorar tanto os contidos como o desenvolvemento dos seus proxectos”, especificou.

axentes culturais

 

As sesións, que serán gratuítas, terán unha duración de entre 12 e 16 horas e desenvolveranse entre os meses de maio e novembro. Os módulos terán un enfoque eminentemente práctico coa finalidade de dotar de novas ferramentas ás e aos participantes “para que poidan resolver parte dos problemas aos que se enfronten na súa actividade habitual en relación con tarefas como a planificación, programación, xestión ou financiamento do seu proxecto”, explicou o responsable municipal.

O primeiro bloque xirará arredor dos Programas europeos ​ , e a adopción de claves para participar en proxectos innovadores de cooperación internacional, en particular nas liñas de financiamento de programas culturais da Unión Europea que se refiren ás convocatorias do período 2014-2020.

Esta formación, que impartirá José Quevedo Santacoloma, subdirector do Grupo DEX, dará ferramentas e recursos ás persoas participantes para optar ao financiamento comunitario, e poder así desenvolver os seus proxectos. Este bloque desenvolverase os días 3, 4 e 11 de maio, en horario de 16.00 a 21.00 horas –o día 3– e de 09.00 a 14.00 horas –4 e 11 de maio–.

O seguinte módulo estará relacionado coa ​ Planificación e deseño de proxectos , ​ para dotar ás creadoras e creadores “da capacidade de plasmar a súa iniciativa sobre un documento base que lles servirá para a súa planificación, pero tamén ás administracións ou entidades privadas para coñecer a idea”, explicou Sande. Así, neste curso exporase unha base conceptual e práctica, a través dunha metodoloxía sólida e contrastada, que permita afondar na que se considera a ferramenta de traballo máis importante da xestión cultural, que é o deseño de proxectos. O director de Nexe Cultural, David Roselló, será o responsable de impartir as sesións que se celebrarán os días 22, 23, 29 e 30 de maio, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Xa no mes de outubro, chegará o bloque da ​ Fiscalidade e contratación, que permitirá afondar en coñecementos clave nestes temas para que o proxecto cultural teña saída, e nos que a Concellería de Culturas detectou máis dificultades para as creadoras e os creadores “á hora de plasmar a súa situación laboral, obrigas fiscais ou as posibles modalidades de contratación ou facturación, polo que pareceu practicamente imprescindible dar resposta a esta demanda”, expuxo o edil. A avogada e mediadora Eva Moraga impartirá este módulo, dirixido en particular a profesionais das artes escénicas e visuais, os días 18 e 19 de outubro, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 18.00 horas.