Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, felicitou hoxe ao presidente António Costa pola súa “histórica vitoria” nas eleccións celebradas onte en Portugal e na que o Partido Socialista acadou a maioría absoluta.
González Formoso -que precisamente tomou parte hai uns días nun dos actos de campaña de Antonio Costa en Braga- cualificou os resultados de “gran nova para o país veciño, para os socialistas portugueses e para o conxunto da cidadanía lusa”.
“Estamos”, proclamou o secretario xeral do PSdeG, “ ante un éxito contundente” que, máis alá do ámbito portugués, “referenda e fortalece esa onda de socialdemocracia e de socialismo que vai avanzando nos principais países europeos” e que ten como sinais de identidade fundamentais a procura da “igualdade de oportunidades e que a sociedade progrese sen deixar a ninguén atrás”.
González Formoso subliñou que “hoxe, despois de moitos anos, gobernamos en Alemaña, en Portugal, en Finlandia ou en España” coa defensa deses valores como prioridade. “E esa é”, enfatizou, “a mesma aposta clara que temos os e as socialistas para Galicia e para o conxunto de España”.
Nesta liña, González Formoso subliñou tamén que ese modelo socialdemocráta está demostrando ser “máis xusto e solidario” con respecto que se aplicou para saír da anterior crise.
Como mostra inequívoca disto, o secretario xeral do PSdeG puxo en valor iniciativas como os ERTE, que conseguiron protexer a millóns de traballadores dende o inicio da pandemia, ou a activación dos fondos europeos para a recuperación, que son a gran oportunidade para a recuperación económica e social do país.
Reivindicación do acordo pesqueiro con Portugal
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reivindicou hoxe o novo acordo de pesca asinado entre España e Portugal que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro de 2022, tras ser negociado polos ministros de pesca español e luso en xuño do ano pasado. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca da Cámara galega.
“Elimínase por fin a desvantaxe na que se atopaba a nosa flota”, sentenciou a dirixente socialista quen aplaudiu o acordo que xa rexe as condicións para o exercicio da actividade pesqueira que desenvolven as flotas española e portuguesa nas augas limítrofes durante os próximos 5 anos, xa que permite unha “mellor xestión dos recursos” e “ofrece estabilidade ás flotas de ambos países”.
Neste sentido, a responsable socialista puxo en valor a “negociación” levada a cabo polo ministro de Pesca do goberno de España, Luis Planas, e o ministro do Mar portugués, xa que agora o sector pesqueiro español “ve atendidas as súas demandas” en canto á harmonización de horarios, vedas biolóxicas e medidas técnicas que deberán cumprir para “acadar así a reciprocidade” entres ambos países.
Ao fío disto, Otero lembrou que os acordos anteriores supoñían unha “importante desvantaxe competitiva” para a flota española, “tal e como denunciaba o sector”, xa que “xogábamos cunhas regras diferentes nun mesmo espazo de traballo e de mercado”, o que supoñía unha “discriminación” para a flota española.
Neste marco, a dirixente socialista reivindicou o traballo parlamentario dos diferentes grupos na Cámara galega que “sempre manifestaron a necesidade de renegociar este acordo”. “Este é un beneficio acadado de xeito colectivo no que foron fundamentais tamén as actuacións do sector pesqueiro”, subliñou.
Por último, Otero defendeu a arte do arrastre que “non pode demonizarse”. “Entre todos temos que traballar para cambiar esa visión de que o arrastre é o culpable do impacto negativo sobre os stocks”, concluíu.