Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que “Castelao estaría orgulloso” da supresión do voto rogado para facilitarlle o voto aos emigrantes galegos. Así o dixo nun encontro por videoconferencia con representantes da emigración galega que mantivo hoxe dende Santiago.
O responsable socialista salientou o acordo do pasado xoves para iniciar o trámite parlamentario de reforma da Lei de Réxime Electoral Xeral, que está previsto rematar en setembro, co que “devolvemos a posibilidade democrática de exercer un dereito que nunca se debera ter retirado”. Reivindicou o dereito ao voto para estes “galegos e galegas emigrados nos distintos países representan o mellor de Galicia e axudan a construír país”.
Trasladou hoxe o “orgullo” polo “consenso tan amplo para reparar esta situación”, que “fará que a galeguidade poida volver ter o vínculo político que ten no emocional, no histórico, na tradición e que como socialistas estamos francamente orgullosos da súa recuperación”. Salientou que a votación do pasado xoves acadou a “unanimidade máis ampla dos últimos anos”, con 339 votos a favor, 2 en contra e 1 abstención.
Salientou que esta reforma permitiría “devolverlle a Castelao a capacidade de votar e preocuparse por Galicia politicamente”, o mesmo galeguista que “tanto se preocupou por Galicia, que tanto soñou cun país distinto dende o exilio na Arxentina, onde propuxo e debullou medidas para que Galicia deixara atrás o caciquismo e a longa noite de pedra”.
Lembrou que a nova tramitación prevé “novas modalidades, facilidades e garantías de voto” logo de que coa incorporación do voto rogado a participación tivera caído dende o 30 ou 40 por cento en procesos electorais normais ata un “irrisorio 2 por cento”.
Formoso mantivo hoxe un encontro por videoconferencia cunha ducia de representantes da emigración galega en Europa no que tamén participaron o secretario de Galeguidade da Executiva do PSdeG, Antón Leis, o secretario de Emigración do PSdeG de Ourense, Luis Gulín, ou a ex parlamentaria autonómica Marisol Soneira.
O líder dos socialistas galegos reclamoulle á Xunta “seriedade” na defensa dos proxectos empresariais que optan aos fondos europeos, e advertiu que “non se pode xogar coa xente”. Referiuse así ao proxecto da planta téxtil de Altri, que “primeiro tiñan garantido que se instalaría na Mariña, despois foi en Palas, despois xa non estaba tan garantido porque depende de fondos europeos, e despois depende de que aporten 200 millóns”.
Fixo un chamamento á Xunta para que “antes de anunciar o lugar de ubicación, ten que ter claridade e garantir cos recursos suficientes para que se instale, e se ten que ter unha suplementariedade de fondos da Xunta, vamos apoiar que a haxa”. Sinalou que “non vamos permitir que por 15 ou 20 millóns de euros do goberno galego deixe de instalarse un proxecto que pode mudar e diversificar o sector forestal galego”.
Reclamoulle así ao presidente da Xunta que cumpra co que asegurou na xuntanza da semana pasada co líder dos socialistas galegos, cando, dixo Formoso, se amosou favorable a suplementar a consolidación de proxectos con fondos autonómicos”. Confirmou a “posición clara e rotunda dos socialistas galegos na defensa dos proxectos solventes para Galicia”, e reclamoulle á Xunta “que identifique e priorice proxectos tractores para Galicia, que deben de negociarse co Estado co soporte de promotores serios e solventes que falen claro”.
Sinalou que “temos que mirar polo noso, por Galicia, igual que outros territorios mirarán por si mesmos”. Emprazou a “ser realistas, sentarse cos promotores e ver das necesidades de financiamento dende o ámbito público, canto podemos cos Pertes e con fondos propios do Estado e tamén da propia Xunta de Galicia”.