Ourense/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, sinalou hoxe en Ourense que a chegada do AVE a Galicia “abre un escenario de oportunidades socioeconómicas” a nivel histórico para esta Comunidade Autónoma. O líder dos socialistas galegos participou hoxe da viaxe inaugural xunto cos xefes de Estado e de Goberno e diversas autoridades políticas e insitucionais de Galicia.
O responsable dos socialistas galegos aplaudiu que o acto de hoxe permita ver como “a chegada do AVE é por fin unha realidade, tras moitos anos de traballo colectivo e máis de 10.000 millóns de euros de investimento”. Apostou por “seguir traballando” para aproveitar o novo horizonte aberto pola mellora da conectividade ferroviaria en Galicia.
Salientou a especial relevancia desta infraestrutura “no sector turístico, económico e empresarial”, e emprazou a analizar polo miúdo as posibilidades para optimizar o aproveitamento deste potencial para facelo efectivo. Chamou ás administracións a traballar en común para “abordar as tarefas pendentes e colaborar ombreiro con ombreiro para facer do AVE unha peza estratéxica no futuro de Galicia”.
Os socialistas galegos, lembrou, celebrarán no mes de febreiro unha xornada aberta á sociedade para analizar o impacto da conexión do AVE entre Galicia e Madrid. O obxectivo é dar a coñecer os plans para a extensión progresiva da alta velocidade en Galicia e pulsar o impacto desta infraestrutura noutras localidades e aportar ideas de utilidade para aproveitar esta oportunidade histórica.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañou esta mañá ao Rei de España, Felipe VI, e ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na viaxe inaugural do tren de alta velocidade, que por primeira vez dá servizo a Galicia e que supón, para os coruñeses, unha redución significativa nos tempos de viaxe en ferrocarril entre A Coruña e Madrid. “Desde mañá mesmo os coruñeses poderán chegar a Madrid en menos de 4 horas, acurtando en máis de unha hora o tempo de viaxe actual”, indicou Rey.
A alcaldesa puxo en valor os importantes cambios nas infraestruturas de transportes levados a cabo polo executivo central na actual lexislatura, cambios que permitiron impulsar a construción da estación intermodal, poñer en marcha a construción do enlace ferroviario con Langosteira e reducir á metade dos custos da portaxe na AP-9 para os usuarios e as usuarias.
“Hoxe é un día moi relevante para a conexión da nosa comunidade con Madrid. Rematan 16 anos de obras e de agarda por unha infraestrutura que mudará completamente a conectividade da comunidade e da Coruña e tiña que formar parte deste momento”, indicou a alcaldesa tras percorrer o tramo de acceso a Galicia a bordo do novo tren de alta velocidade.
Rey, que acompañou tamén á ministra de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, explicou cal será a seguinte fase na implantación da alta velocidade: “A Coruña quedará conectada por alta velocidade de forma directa e temos o compromiso de que será no ano 2022, aproximadamente durante o verán, cando finalicen as probas que xa se están a levar cabo”, indicou a alcaldesa.