Xulio Ferreiro deu conta da “calidade, proximidade e identidade” da cociña coruñesa e subliñou a “efervescencia” pola que atravesa o sector, durante o acto de inauguración da cita gastronómica.
A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este domingo en ExpoCoruña na inauguración do Fórum Gastronómico, a que, como sinalou, é “a cita máis relevante do sector gastronómico a nivel estatal, un escaparate que durante estes tres días sitúa a cidade no epicentro da cociña do máis alto nivel, en consonancia coa aposta deste Goberno local por consolidar A Coruña como capital da cociña atlántica”.
Na súa intervención, o rexedor deu conta da “calidade, proximidade e identidade” que definen a oferta gastronómica da cidade, da que recordou que é “unha importante motivación para o turismo”, tanto “pola súa variedade como pola calidade dos seus produtos e tamén pola profesionalidade e bo facer dos cociñeiros e cociñeiras, que ofrecen cociña de terra e de mar, popular e de autor, tradicional e innovadora”.
Nese sentido, Ferreiro deu conta da “efervescencia” que vive o sector na cidade, e que desde o Concello estase a respaldar coa consolidación, ao longo do ano, de distintas citas relacionadas coa gastronomía, desde as xornadas Lacónicas, de exaltación do lacón con grelos, durante o Entroido ata o asentado concurso e ruta de Tapas Picadillo que se desenvolve en setembro, ou o Boucatise, o Festival do Bocata Gourmet de decembro. Do mesmo xeito, o alcalde puxo en valor o papel dos mercados municipais, “de onde proceden moitos dos produtos que fornecen a nosa ampla oferta hostaleira”, e recordou a multiplicidade de opcións e zonas coas que conta A Coruña para gozar da gastronomía local, ademais de dar conta da “profesionalidade e bo facer dos nosos cociñeiros e cociñeiras”.
Tamén, no curso da inauguración, o alcalde quixo poñer de relevo os “fondos vínculos que A Coruña tivo e mantén coa cociña atlántica e co mar”, concretados tanto no plano económico, a través da actividade portuaria, como tamén no turístico e no lecer das veciñas e veciños. “O atlántico é, desde logo, parte esencial da nosa historia e da nosa identidade”, salientou, para poñer en valor o vínculo da cidade coa súa fachada marítima, “nesa transición cara á cidade que queremos para as próximas décadas”.
No acto, no que o alcalde estivo acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, tamén tiveron intervención o director do Fórum Gastronómico, Pep Palau, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e Manuel Pérez Piñón, representante de Hijos de Rivera SAU, empresa patrocinadora. Antes da inauguración oficial, Ferreiro mantivo no propio recinto un encontro coa alcaldesa de Girona –onde tamén recalará este ano o Fórum Gastronómico, no mes de novembro–, Marta Madrenas, e coa concelleira de Promoción, Gloria Planas.
En total, o Fórum congrega no recinto feiral máis de 200 expositores nesta edición, o que supón un aumento dun 30% respecto da pasada. Máis de sesenta cociñeiras e cociñeiros de toda Galicia participan na cita, tanto no auditorio como nos talleres, co obxectivo de dar a coñecer a súa cociña en directo, nun evento que ten como eixe temático a nova cociña galega. Ademais, este ano, o recinto expositivo amplíase co novo espazo Ágora, que dá protagonismo a oficios artesáns relacionados coa alimentación, con especial atención aos produtos galegos de carácter ecolóxico.
A programación complétase coas actividades organizadas dentro do Fórum Cidade, que desenvolve o colectivo Coruña Cociña, formado por profesionais da cidade, coa colaboración do Consorcio de Turismo, e que durante a xornada deste domingo organiza a ruta ‘Tapas a catro mans’, unha iniciativa na que nove establecementos hostaleiros da cidade –A Bica, A Pulpeira de Melide, Arallo, Bocanegra, Culuca, Domus, El Descansillo, Oído, Cocina! e Roots– abrirán as súas portas a outros tantos cociñeiros e cociñeiras –Alma e Víctor de La Greca; Álvaro Gantes, de O Lagar da Estrella; David Fariña, de Alma Negra; Álvaro Victoriano; Antonio Amenedo, do Pazo de Santa Cruz; Nelssy Soriano, da Gastroteca; Manu Triay; Óscar Vilariño, do hotel Zenit Coruña e Javi Freijeiro, de El Huerto– para ofrecer tapas elaboradas de forma conxunta. A proposta vén completar a programación do Förum Cidade, que na xornada do sábado concentrou as súas actividades no gastrofestival A Coruña Sabe celebrado durante todo o día en Palexco, e aberto a toda a cidadanía.