Tomiño | Francesco Tonucci, recoñecido psicopedagogo italiano, autor do libro “A cidade dos nenos”, visitou Tomiño para inaugurar oficialmente as obras de reforma levadas a cabo no Salón de Plenos. Rodeado por máis dun centenar de alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria dos centros tomiñeses, o pedagogo procedeu a cortar a cinta inaugural da nova instalación, acompañado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
O acto comezou sobre a unha da tarde (13.00h), coa chegada do alumnado ao salón de plenos, o que a partir de agora, servirá tamén coma sala de usos múltiples, na que se celebrarán diferentes actos de carácter cultural, social, etc.
Tras a recepción das autoridades a Francesco Tonucci, na entrada principal do Concello, a comitiva dirixiuse ao novo salón de plenos, onde lles agardaban os estudantes.
Tras as intervencións da presidenta da Deputación e da alcaldesa, aqueles deron lectura ao discurso de benvida, elaborado previamente por eles; discurso ao que respondeu o propio Tonucci, antes de ser convidado a descubrir unha placa conmemorativa. Os pequenos agradeceron a presenza do autor de “Frato” en Tomiño e felicitárono pola súa labor a prol dos nenos e nenas para facer das cidades, lugares máis tranquilos e sen perigos, onde poder xogar.
Tonucci, pola súa banda, pediulles que se atrevan sempre a dicir o que pensan, e citou como base deste dereito o artigo 12 da Convención dos Dereitos da Infancia (ONU 1989).
Por outra parte, Sandra González, pediu a axuda de nenos e nenas para construír un lugar mellor para vivir e xogar, mentres que Carmela Silva, afirmou sentirse orgullosa de ser convidada á inauguración dun salón de plenos; “lugar onde vive e se fai forte a democracia”.
Pechou a homenaxe a Agrupación de música e danza “Virxe do Alivio”, coa interpretación do Himno Galego. Por último, o convidado de honra, foi convidado a visitar o Concello e asinou exemplares de “A cidade dos nenos”, na Alcaldía.
A visita enmarcouse dentro dun programa de actividades elaborado pola Deputación de Pontevedra, con Tonucci coma referencia.
O salón de plenos servirá a partir de agora, tamén coma sala de usos múltiples, na que se celebrarán diferentes actos de carácter cultural, social, etc.