Ourense | O escritor e editor Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) é o gañador do XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, pola súa obra Xoán, Xoana, presentada a este certame baixo o pseudónimo de Paul Breson.
O xurado do galardón destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, sinalando ademais “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”.
No seu fallo, o xurado tivo en conta “o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo”, así como o feito de que “a obra potencia dende o principio o interese por coñecer o final e por saber que vai pasar”.
No relativo á temática, o autor “dá visibilidade aos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo, e dá voz á diversidade”, sinala o xurado. Xoán, Xoana aborda unha cuestión que, nestes contextos, “produce as veces situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo”, ademais de reflectir un problema “que se presenta, tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia”.
Para o xurado, o texto gañador achega valores interesantes “coma a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade”. Unha historia que provoca que o lector “empatice cos que son diferentes e nos pon a todos ante o espello”. O xurado estivo presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, actuando como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio e Isabel Mociño, cada un deles en representación dos grupos políticos presentes na corporación provincial (PP, PSOE, DO e BNG). A xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre, exerceu como secretaria.
Unha longa traxectoria de premios
Francisco Castro estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, é cronista cultural en varios medios galegos e na actualidade dirixe a Editorial Galaxia. Na súa traxectoria como escritor xa foi distinguido con diversos galardóns, como o Premio Frei Martín Sarmiento por Un bosque cheo de faias (2004). En 2006 recibiu o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam. Un ano despois gañou o Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa. Tamén en 2007 foi distinguido co Frei Martín Sarmiento ao mellor libro do ano por O ceo dos afogados.