A Guarda | Para conmemorar o día do Libro 2020, entre as actividades realizadas este ano, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda propuxo a través das redes sociais aos seus lectores que enviasen frases ou fragmentos dos seus libros favoritos.
A iniciativa emprazou á cidadanía a que escollesen unha frase ou fragmento que despois foi compartida dende as redes sociais da Biblioteca e esta mesma semana iniciouse a segunda parte desta iniciativa, que consiste no pintado destas frases en varios espazos públicos do municipio, aportando unha maior visibilidade e continuidade no tempo a esta proposta cultural.
A deseñadora local Tamara Baz comezou este luns a pintar as frases e fragmentos que se empregaron no Día do Libro 2020 en 15 espazos distintos da vila, elixindo unha gama de cores e unha tipografía especial para a ocasión e que establece un roteiro urbano que poderán realizar todos aqueles que o desexen.
Entre os lugares elixidos atópanse o Centro Cultural, a Alameda e numerosas prazas coma a Praza do Reló, Avelino Vicente, San Marcos, Santo Tomás, entre outras.