“Freo de man” para a axenda ‘ultra’.

Nun revelador artigo de Enric Juliana intitulado “El Partido de la Ira” establecíase unha oportuna comparación sobre o retroceso electoral da ultradereita en España, Polonia e Arxentina. Sinala que “O Partido da Ira parece retroceder nas últimas eleccións democráticas”, analizando os recentes resultados electorais neses tres países, “realidades políticas moi diversas” pero “iso si, cun punto en común: VOX”, tal e como escribe o autor.

Esta perspectiva ven a colación nun momento político tan volátil e atomizado como o actual. No meu editorial de agosto analizaba o “fenómeno Milei” na Arxentina e a súa conexión ibérica cun VOX que viña de sufrir un duro varapalo electoral nas xerais do 23X. Hai razóns suficientes para considerar que, como no 23X en España, o freo á ultradereita está manifestándose en ámbolos dous lados do Atlántico.

Tras obter unha importante vitoria nas primarias PASO en agosto, Milei mantivo a súa cota de votos (30%) na primeira volta das presidenciais arxentinas do pasado 22 de outubro pero superado polo peronista Sergio Massa (36%) A segunda volta en novembro anuncia a polarización Massa-Milei cunha variable: a terceira candidata, a tamén dereitista Patricia Bullrich (24% dos votos) xa anunciou publicamente que lle daba o seu apoio a Milei. Por tanto, o excéntrico candidato libertario aliado de VOX ten oportunidades suficientes para ser o vindeiro presidente da Arxentina.

En Polonia pasou algo mais ou menos parecido. Nas eleccións xerais do 15 de outubro o ultraconservador Lei e Xustiza (PiS polas súas siglas en polaco), no poder desde 2015, sufriu unha inesperada derrota ante o ex primeiro ministro de talante europeísta Donald Tusk. A axenda conservadora ultradereitista en Polonia é unha permanente dor de cabeza para a UE. Non obstante, Polonia é un aliado clave cada vez máis estratéxico para o ‘atlantismo’ na UE e na OTAN por mor da guerra en Ucraína contra Rusia. Os europeístas respiraron aliviados pola vitoria de Tusk, aínda que sexa pola mínima. Pero, como na Arxentina, non está nada decidido: o PiS pode seguir mantendo o poder se os equilibrios e as alianzas lle favorecen. Pero é evidente que sufriu un retroceso electoral que implicaría un cambio político en Varsovia con Tusk tendendo pontes con Bruxelas.

Quédanos España, aínda con goberno en funcións pero onde a coalición PSOE-Sumar acaba de acordar a redución da xornada laboral mentres as negociacións seguen con cataláns e vascos para ver se hai investidura de Pedro Sánchez. A oposición dereitista PP-VOX xa asume como un fait accompli un novo goberno de Sánchez. Con todo, a axenda ‘ultra’ segue instalada: mentres tentan atar a toda presa gobernos en diversas autonomías, é previsible que PP e VOX comecen a utilizar o recurso da rúa como instrumento vehicular das súas respectivas axendas políticas. Volven nas redes as mensaxes de “se rompe España, a “balcanización”, o “chavismo sanchista”, etc.

Todo isto en tempos de guerra en Gaza, aínda tamén na Ucraína, toda vez os tambores da guerra soan no Líbano, Irán, no Cáucaso, China e Taiwán, etc, todos eles baixo o son daqueles acólitos dos “Partidos da Ira”, por moito que a axenda “ultra” sufra retrocesos electorais en Europa e América Latina.

Pero non sería fiable descartar as súas posibilidades: mentres Polonia votaba por Tusk, a dereita conservou o poder en Ecuador con Daniel Noboa como novo presidente. Como xa comentamos, Milei pode gañar a segunda volta na Arxentina. México prepara “a fogo lento” a súa candidatura tipo VOX para as presidenciais 2024. Chile co ‘pinochetista’ Kast ten moitas posibilidades de avanzar electoralmente nun contexto de decisión constituínte. Se ben Lula consolídase na presidencia en Brasil, o “bolsonarismo” non está morto.

“Aínda que con retrocesos electorais, os amigos de VOX non descartan saír ao seu ‘rescate”

En Europa temos a Giorgia Meloni en Italia, Viktor Orban en Hungría; en Eslovaquia ven de gañar un populista, Robert Fico, sinalado de “prorruso” crítico coa guerra en Ucraína; o “lepenismo”, aínda que dividido, segue vivo en Francia. E así varios exemplos. Aínda que con retrocesos electorais, os amigos de VOX non descartan saír ao seu ‘rescate’.

 

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.