Cadernos da viaxe.
Expertos das tres Universidades galegas e da prestixiosa Fundación Juana de Vega están para lle entregar Á Xunta de Galicia un estudo que lles encargou a respecto da planta local e da eventual viabilidade da fusión de concellos.
Malia que non se coñeza na súa integridade o texto deste informe si sabemos dúas cousas relevantes que diverxen substancialmente da atención da Xunta e do PPdeG só a respecto das fusións de concellos. Por unha banda seica limita substancialmente o ámbito do posíbel a respecto destas fusións a unha casuística que non acada nin a trinta concellos do País, mentres desbotan radicalmente a fusión de concellos limítrofes que poidan xerar concellos resultantes moi extensos e, malia sumar este, este e aquel, aínda moi pouco poboados, como podería ser, só a xeito de exemplos, a fusión dos concellos da montaña dos Ancares (As Nogais, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro…) e os do sur da extrema leste deste país (Carballeda de Valdeorras, O Bolo, A Veiga. Manzaneda e Viana do Bolo).
Pola outra centran o problema local da Galicia na necesidade de garantir a prestación dos servizos públicos e o deseño dos medios materiais e persoais da Administración local a medio de fórmulas comunitarias ou consorciadas e dende unha perspectiva comarcal ou de área urbana do territorio.
“O mapa local, o mapa territorial de Galicia precisan dun ámbito comarcal para a planificación e prestación dos servizos”
Velaí, pois, o cerne da cuestión. O mapa local, o mapa territorial de Galicia precisan dun ámbito comarcal para a planificación e prestación dos servizos. E precisan dunha prestación en común destes servizos e máis dunha posta en común dos medios materiais e humanos de cada Administración tanto dos concellos atinxidos en cadanseu ámbito territorial como o da Deputación correspondente.
Porque un elemento ausente desta análise é a dis funcionalidade da división provincial. Fronte á barbaridade da constitucionalización das provincias, a planta local deste País precisa das Deputacións unha dupla reforma: transferir as funcións delegadas polos concellos para a recadación dos tributos locais á Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e “comarcalizar” a súa estrutura e funcionamento.
Estas dúas reformas e a comarcalización da Administración periférica autonómica, adoptando as comarcas e áreas urbanas como única división territorial para o cumprimento das súas fins, permitirían un desenvolvemento das vilas-cabeceiras de bisbarra e un mapa axeitado para a prestación dos servizos, mentres agardaríamos a que as catro provincias, baleiradas de sentido real, desapareceran de feito, como xa desapareceron, substituídas polas illas, as dúas provincias canarias.
Mais tamén omite a Xunta deste debate a cuestión do financiamento local, principiando pola necesaria reforma da Lei de Facendas Locais de 2004 que financia directamente aos concellos de todo o territorio do Estado en función da súa poboación, de feito que mellora o financiamento por habitante dos concellos máis poboados. Deste xeito Galicia, cun 5,2% da poboación do Estado, recibe pouco máis dun 3,3% do financiamento local estatal . E logo falan de solidariedade! É evidente que Galicia precisaría para o seu financiamento local que o Estado lle transferira á Xunta unha cantidade global baseada na súa poboación axustada (5,2% estatal máis os incrementos que bilateralmente cumpriría pactar segundo o avellentamento e espallamento da nosa poboación). para integrar, cos propios recursos que poría a Xunta, un Fondo de Financiamento local regulado por lei que garantise a suficiencia dos servizos públicos locais nese mapa de prestación e xestión consorciada e comarcalizada.
Non poñan, pois, o foco na fusión de concellos, senón na prestación acaída dos servizos. E teñan en conta que a representación político-electoral ao longo de todo o territorio contribúe á lexitimidade democrática e a participación da veciñanza.