Vigo | Esta biografía analiza o seu papel na música galega, así como controvertibles episodios que provocaron o seu exilio e o seu paso polo cárcere. Vaamonde foi o primeiro músico condenado pola censura na democracia.
Hoxe reivindicámolo como unha das figuras máis relevantes da música galega nesta biografía completa e definitiva, Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, publicada na colección Reportaxe de Editorial Galaxia, a cargo de Fernando Fernández Rego.
“Suso Vaamonde creu sempre no país da utopía, loitou sempre pola defensa dun pobo, dunha terra e dunha lingua. El mesmo era consciente diso, ‘sigo sendo moi utópico’ afirmaba en novembro de 1999, cando a súa luz estaba pronta a apagarse. Loitou por mudar o mundo que lle tocou vivir -aqueles tempos da ditadura e de Voces Ceibes- e todo iso tradúcese na conversión da súa figura como unha das máis relevantes da música galega. El foi un dos primeiros cantautores que se achegou á poesía galega, musicando poemas dos poetas da terra”; adianta o autor no limiar do libro.
Trátase dun artista clave na historia da música galega e un pioneiro. O primeiro que musica poemas en galego e os populariza, o primeiro que fai discos en galego para nenas e nenos ou, como produtor, rescatando a música popular das tabernas.
“O compromiso de Suso foi moi alto, e iso levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político. Nuns tempos en que palabras como ‘xustiza’, ‘progreso’ e ‘liberdade’ escaseaban e os valores de Galicia intentaban ser anulados, Suso Vaamonde erixiuse coma o bardo que o país precisaba”, asegura Fernández Rego.
El foi un dos artistas máis comprometidos que tivemos na cultura galega. O seu legado continúa vivo e de plena vixencia, e así seguirá durante moitos anos. Xeración tras xeración novos músicos recollen a súa semente e fan que a chama siga prendendo no público. Porque como cantaba Bibiano: “Somentes morren aqueles que non deixan semente”.
Fernando Fernández Rego (Ferrol) é licenciado en Química pola USC e traballa como profesor de educación secundaria. Ademais é administrador da web musical LaFonoteca.net, coordinador da sección de música da revista Grial, escribe para Mondosonoro, Luzes e Rockdeluxe colabora con múltiples plataformas, tanto dixitais como impresas.
Publicou a novela Desorden (2009) –un tratado de existencialismo pospunk–, abarcou o relato e a poesía en Blues From A Gun. Secuencias interiores (2011), publicou ensaios como o libro-CD 50 Anos de pop, rock e malditismo na música galega (2010) e Galicia en clips (2012), este último xunto a Pablo Portero; e tamén biografías como a da banda de Lugo Los Contentos, Cuando Ríes. Los Contentos (Unos Malditos Pioneros del Garage)(2014), xunto a Piti Sanz, e a de Andrés do Barro, Andrés do Barro. Saudade (2015). En 2019 publicou Unha Historia da música en Galicia 1952-2018 (Galaxia, 2019). Xunto a Sergio Peck (Carrero Bianco) é o responsable do selo discográfico Ferror Records.