O Porriño | Un total de 45 porriñesas participaron xa no programa de formación para a dixitalización das mulleres “Galegas Dixitais”.
A segunda quenda desta acción formativa, que se iniciara o pasado mes de novembro, finalizou esta semana e, tras o éxito obtido e a gran demanda, porase en marcha unha terceira edición para que as interesadas en participar que aínda non puideron facelo non perdan esta oportunidade.
Dará comezo a finais do presente mes de xaneiro ou principios de febreiro e poderán participar todas aquelas mulleres interesadas que se atopen en situación de desemprego ou que teñan solicitada a mellora de emprego, co fin de aumentar as súas capacidades e incrementar a empregabilidade.
Como nas pasadas edicións, todas as participantes recibirán gratis un ordenador portátil co que realizar o curso e tamén poñer en práctica o que aprenderon unha vez finalizado.
Lembramos que o programa formativo contempla tres bloques, de 40 horas de duración cada un deles: Competencias Dixitais Básicas, Competencias Dixitais Avanzadas e Competencias Dixitais para o Emprendemento.
As interesadas poden inscribirse xa enviando un email a orientacion@porremprego.org ou orientacion@oporrino.org, tamén presencialmente nas oficinas de Porremprego ou chamando ao teléfono 604 039 575.