Santiago de Compostela | O alumnado dos XXXIII Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” participará na tarde de mañá mércores, 19 de xullo, a partir das 18:30 horas, nun encontro de confraternidade no parque de Bonaval de Santiago de Compostela.
Na xuntanza serviranse petiscos de produtos da terra e está previsto que interpreten cancións galegas aprendidas nas clases e melodías populares dos seus respectivos países. Os estudantes desta edición proceden dos Estados Unidos, da Arxentina, do Reino Unido, do Brasil, da India, da China, Finlandia, Francia, Países Baixos, Italia, Ecuador, Cuba, Polonia, Alemaña, Rusia, Suíza, Austria, Chequia e México, así como doutras comunidades autónomas.
Os medios que desexen cubrir o acto poderán achegarse ata o parque de Bonaval e entrevisar o alumnado e profesorado. Máis información sobre os cursos no blog http://cursoslinguagalega.academia.gal/.
A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega coorganizan os Cursos Galego sen fronteiras co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.