Promulgada a Lei de Normalización Lingüística en 1983, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) considerou oportuno mobilizar as novas corporacións locais para chegar a un pacto galeguizador. Para conseguir o obxectivo argallouse unha convocatoria á que acudiron 197 rexedores municipais.
Naquela asemblea celebrada no Hostal dos Reis Católicos aprobouse a “Declaración dos Alcaldes”, que consistía nun decálogo de medidas de política lingüística que orientase a dinamización do proceso de incorporación da lingua galega nos procedementos administrativos ata entón lastrado pola vixencia dun Regulamento Orgánico de Funcionamento das Corporacións Locais que establecía a obrigatoriedade do bilingüismo nos formularios dos procedementos administrativos e actas dos órganos de goberno.
O éxito da convocatoria caracterizouse pola pluralidade ideolóxica dos rexedores asistentes e asinantes da Declaración. Cómpre salientar o feito anecdótico e esperpéntico protagonizado por cinco alcaldes que termando dunha pancanta pregoaban rexeitamento público das medidas que ían ser aprobadas, aducindo o seu carácter bilingüista. Ben se vía que non o leran, porque o que se pretendía era a implantación dun modelo monolingüista.
A medida inmediata da AFNLG foi promover na sede do Instituto da Lingua Galega a creación dunha Sección de Linguaxe Xurídica e Administrativa para elaborar os primeiros formularios e regulamentos municipais da autoría de Xoaquín Monteagudo, publicados e distribuidos masivamente.
Pasados os anos, a asociación propúxolle á Federación Galega de Municipios e Provincias a conmemoración dos 25 anos daquela Declaración, anovando as medidas fundacionais. Porque durante ese período longo de tempo as modificacións lexislativas, tranferindo novas competencias aos concellos, aconsellaban acordes políticas lingüística. Compría incorporar novos recursos lingüísticos e técnicos para os novos espazos de uso, priorizando a presenza en sectores estratéxicos; prestarlle maior atención ao papel das policías locais pola súa relación cos cidadáns e demais administracións públicas, nomeadamente cos órganos xurisdicionais promovendo a galeguización xudicial, por exemplo.
“A AFNLG, volve petar na porta da FEGAMP para proporlle a actualización das políticas lingüísticas municipais, agora que se cumpren 40 anos da sinatura da ‘Declaración dos Alcaldes”
Como era de agardar, as modificacións lexislativas fóronse sucedendo . Hoxe os servizos municipais, amais de medraren en número, utilizan novas tecnoloxías e procedementos administrativos que, de non ser xestionados debidamente desde o punto de vista lingüístico, ameazan a presenza do idioma galego. A inexistencia tan xeralizada das cláusulas lingüísticas nos pregos de condicións establecendo obrigas para as empresas adxudicatarias nos procesos galeguizadores é unha coartada ideolóxica para marxinar a presenza do noso idioma nos servizos xestionados polas empresas beneficiadas.
O desleixo na redacción destes procedementos por parte dos gobernos municipais, máis preocupados por desenvolver iniciativas “modosiñas” e inoperantes (premios literarios e outras inocuas propostas), é de tal natureza que están permitindo que os comportamentos diglósicos vaian sendo prácticas habituais que impiden o avance galeguizador.
A AFNLG, volve petar na porta da FEGAMP para proporlle a actualización das políticas lingüísticas municipais, agora que se cumpren 40 anos da sinatura da “Declaración dos Alcaldes”, poñendo facendo fincapé nun modelo galeguizador da formación dos policias locais na Academia Galega de Seguridade Pública da Xunta de Galicia, así como unha mellor capacitación para mellorar a calidade da escrita do persoal dos concellos e a desaparición de comportamentos diglósicos.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.