Santiago de Compostela | A capital de Galicia acolleu este 25 de Xullo as diversas manifestacións e expresións simbólicas sobre o seu Día Grande: o da Patria Galega, que institucional e relixiosamente tamén se celebra como o Día do Santiago Apóstolo.
Como xa é tradición, a Praza da Quintana de Santiago de Compostela acolleu a manifestación nacional do BNG polo Día da Patria Galega. E fíxoo cun sentido de proxecto político, aproveitando que este ano celébrase o 40º aniversario da fundación do BNG e albiscando o horizonte electoral 2023 (municipais) e 2024 (autonómicas).
A voceira do BNG, Ana Pontón marcou as pautas políticas a futuro, expresando “que somos unha nación (…) galegas e galegos republicanas e non súbditas dunha monarquía corrupta” e considerando que o BNG pretende ser “a forza maioritaria deste país” e que está “máis perto que nunca” de gobernar Galicia.
Precisamente, e tamén moi perto da concentración dos nacionalistas galegos, a monarquía española estivo presente cun acto plenamente simbólico de manifestación relixiosa, cultural e histórica. O Rei Felipe VI, acompañado da Raíña Leticia, da princesa Leonor e da infanta Sofía, celebrou na Catedral de Santiago a súa tamén tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago neste Ano Extraordinario 2022. E fíxoo tamén con sentido da actualidade, neste caso tráxica, lembrando ás persoas que sofren cos incendios que actualmente azoutan a Galicia.
No acto na Catedral estivo tamén presente o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañando así as máximas autoridades estatais. O PPdeG fixo tamén a súa tradicional ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres. Tres días antes en Mondoñedo (Lugo), os “populares” manifestaron a través dun comunicado o seu compromiso cun “galeguismo integrador” no acto de conmemoración do Día de Galicia rendendo unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro.
Dende Rianxo, a localidade onde naceu Castelao, o PSdeG-PSOE tamén quixo reivindicar o Día de Galicia cun acto institucional onde o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, avogou por “un novo Estatuto” para Galicia que lle permita acadar “o máximo teito competencial”.
Galiza Nova reivindicou as figuras de Castelao e de Rosalía de Castro no seu tamén tradicional acto no Parque de Bonaval. Pola súa banda, a Mocidade pola Independencia (MPI) saíu a manifestar este 24 de xullo pola liberdade de Chema Naia, condeado a dous anos e dous meses de prisión tras unha carga policial onde resultou ferido. Ese mesmo día tivo lugar o Fórum Soberanista en Compostela onde participaron a Fundación Galiza Sempre, a Fundación Moncho Reboiras e a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. E non se debe esquecer a celebración do Festigal no Campus Sur da USC, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre.
Finalmente, dende a Alameda ata a Praza de Cervantes, as formacións Agora Galiza-Unidade Popular, Causa Galiza e o Partido Comunista pola República Galega fixeron as súa manifestación baixo o lema “Independencia e socialismo”, defendendo tamén a “loita antiimperialista dos pobos”, destacando a presenza de colectivos en apoio ao Sáhara, Palestina, Andalucía, Catalunya, Euskal Herria, o Donbás, Venezuela, Cuba e o Kurdistán, entre outros.
Ausentes en canto aos actos políticos do Día da Patria estiveron Anova, Podemos e Esquerda Unida.