Pontevedra | A VI Xornada de Onomástica Galega reúne hoxe no Museo de Pontevedra especialistas de distintos ámbitos que profundarán na onomástica a través do Camiño de Santiago, deténdose en como se forxou e se espallou o propio nome de Santiago dende a Idade Media como símbolo de identidade de Galicia, na súa pegada nos nomes propios e apelidos, na toponimia a través do Códice Calixtino ou na evolución semántica dos corónimos Galicia e España, entre outros asuntos.
O encontro rematará cunha mesa redonda na que se debaterá sobre o liderado que Galicia pode asumir no eido da investigación onomástica. “Reflexionaremos sobre como podemos facer do Camiño e Galicia un elo vertebrador e de impulso dos estudos europeos neste campo, desde a posición de destino final das rutas europeas. Non en van somos a patria de Martín Sarmiento, o galego precursor da onomástica moderna”, expresa a académica correspondente Luz Méndez, que coordina as xornadas xunto á académica numeraria electa Ana Boullón.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega Iñarrea; o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey; e a propia Luz Méndez, representantes das tres institucións que dende 2016 organizan as Xornadas de Onomástica Galega, inauguraron esta mañá a sexta edición do encontro, aberto ao público para a participación tanto presencial, no Edificio Castelao, como en liña, a través da páxina web da Real Academia Galega.
“Os nomes dos lugares e das persoas teñen a crónica da nosa identidade, a memoria da nosa historia. Estudalos e coñecelos é unha maneira de viaxar polo que somos e, sobre todo, polas raíces do que somos, que tamén é un xeito de pensar e entender o que queremos ser”, destaca o presidente da Real Academia Galega. “O Camiño de Santiago é un capítulo da nosa historia fundamental para a comprensión da identidade de Galicia. Na súa toponimia e no propio nome de Santiago polo mundo adiante podemos seguir o que significa un episodio tan representativo da nosa identidade colectiva”, engade Víctor F. Freixanes.
“Os nomes dos lugares e das persoas teñen a crónica da nosa identidade, a memoria da nosa historia. Estudalos e coñecelos é unha maneira de viaxar polo que somos e, sobre todo, polas raíces do que somos, que tamén é un xeito de pensar e entender o que queremos ser”
A deputada de Lingua destaca ademais que, aproveitando a celebración do Xacobeo, a VI Xornada de Onomástica Galega é igualmente “unha oportunidade para reivindicar que a nosa lingua amosa o noso xeito de ser e estar na nosa terra e tamén alá onde chegamos fóra das nosas fronteiras”.
Tras a inauguración, Anselmo López Carreira, da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), ofrecerá un relatorio sobre a evolución do significado dos nomes de Galicia e España ao longo da Idade Media. “Galicia, aínda experimentando cambios no ámbito físico a que se aplica, presenta desde o inicio unha notable permanencia semántica; pola contra, o nome de España será bastante despois dese período cando adquira o significado actual. Ata que iso aconteza, se por corónimo entendemos a designación dun país máis que dun espazo, España, case mellor que un corónimo era un topónimo, en contraste co nome de Galicia, que semella ter orixe étnica”, resume o historiador.
A orixe do nome de Santiago
A partir das 11:15 horas, Pilar Cagiao, profesora de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Sandra Beis Silva, profesora do IES da Illa de Arousa, falarán sobre o topónimo Santiago no mundo. Sandra Beis abrirá o bloque comentando a pegada na onomástica da península Ibérica deste nome, haxiónimo xurdido na Idade Media e resultado da aglutinación da secuencia Sanctu Iacobu, “orixinado do berro bélico empregado durante a Reconquista», explica.
“A forma, latinizada do grego Iákobos, e esta á súa vez do hebreo Ya’ackôbh, sería un derivado de âquebb “calcañar”, aludindo á escena do Antigo Testamento que nos conta que Xacob, fillo de Isaac e Rebeca, naceu agarrando o calcañar do seu irmán xemelgo, ou da raíz ‘qb, “protexer”, detalla.
No apartado do nomes propios, a forma Santiago conta coas variantes galegas Iago, Xacobe e Xacobo. Esta última viría do latín tardío, ao igual que a forma Xácome, que apareceu no s. XIII como primeiro nome e sobreviviu ata hoxe como apelido maioritariamente na deturpación Jácome; e mais Xaime, dunha evolución Jácomu.
“No apartado do nomes propios, a forma Santiago conta coas variantes galegas Iago, Xacobe e Xacobo. Esta última viría do latín tardío, ao igual que a forma Xácome”
“Con todo, esta última forma relaciónase co antigo francés Jame, James ou Gemmes», aclara. Tiago, que gaña presenza no s. XXI e entra en Galicia a través do portugués, a tamén forma portuguesa Diogo, Diago —galego medieval—, Diego ou Jaume son outros nomes coas mesmas raíces ca Santiago, que como apelido se rexistra en Galicia preto de 7.000 veces e case 110.000 no conxunto de España.
Santiago de Compostela e outros lugares
O emprego do nome do santo para referenciar a cidade de Compostela data do século IX, cando se comeza a promover o culto a Santiago tras a construción da basílica para acubillar o seu corpo.
En canto ao resto de Galicia, os topónimos que levan por nome Santiago, ou que o teñen como parte dun composto, son poucos, só 11, entre eles a forma con sufixo apreciativo Santiaguiño (Padrón), e, agás catro, sitúanse nunha freguesía que ten o apóstolo como titular. «Ademais, non aparece en ningún caso como topónimo simple e non podemos tampouco atribuír esa denominación a unha posible influencia do Camiño de Santiago, posto que a distribución polo territorio non responde ás vías de peregrinación máis transitadas», analiza Sandra Beis.
Outra cuestión é Santiago como advocación relixiosa, moito máis frecuente: 283 parroquias teñen o apóstolo como titular, das cales 43 están na provincia de Pontevedra, 60 na Coruña, 122 en Lugo e 58 en Ourense.
En Portugal, Santiago dá nome a un concello, Santiago do Cacém (Setúbal), e a 17 freguesías. No resto da España 16 municipios levan no seu topónimo a forma coincidente coa galega. A cantidade ascende a 45 tendo en conta outro tipo de unidades de poboación, á que hai que sumar 4 municipios e outras 25 unidades de poboación que se identifican coa forma catalá Jaume.
“Badía i Margarit fala dun suposto camiño catalán a Compostela que se uniría ao xeral por Logroño e Burgos e a toponimia viría a confirmalo”, suxire a filóloga. Pero no resto do territorio os topónimos dedicados a Santiago non coinciden coas rutas de peregrinación a Compostela máis transitadas, senón cos territorios entregados (agás Santiago del Teide) á orde de Santiago no século XII, durante a chamada Reconquista.
Pegada en América
Pilar Cagiao ollará cara a América, onde os enclaves xeográficos que aluden de forma directa ou indirecta a este nome se deben a «unha intención de dominación do territorio durante a etapa colonial» e gardan tamén relación coa asociación do apóstolo Santiago e a Reconquista.
“O mito acuñado no imaxinario tras a batalla de Clavijo, que logo cruzou o Atlántico aparecendo en crónicas e lendas, tivo moito que ver coa nova nomenclatura das cidades e vilas americanas. Asemade, deixou a súa pegada nas numerosas representacións iconográficas do apóstolo repartidas por diferentes lugares, e coas celebracións simbólicas e construcións colectivas relacionadas coa súa figura”, explica a historiadora.
Un camiño de aprendizaxe
A partir das 13:00 horas, será a quenda de María Carmen Liñares e Xano Cebreiro, docentes do CEIP Agro do Muíño e do IES Milladoiro (Ames), que exporán as experiencias didácticas desenvolvidas en ambos os centros baseadas na toponimia do Camiño. O proxecto presentado por Carmen Liñares procurou fomentar o coñecemento e o respecto do alumnado de primaria polo patrimonio material e inmaterial da contorna a través do Camiño da Ría Muros-Noia ao seu paso polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, empregada historicamente polos ingleses que chegaban a Galicia por mar.
“Foi sorprendente comprobar o gran potencial didáctico que ten a toponimia e o interese que suscitou no alumnado, porque ademais de coñecer a procedencia dos lugares onde vive cada un, derivou tamén, sen pretendelo, no descubrimento da orixe de moitos dos seus apelidos, o que lles produciu unha gran satisfacción”,, lembra a mestra.
“Foi sorprendente comprobar o gran potencial didáctico que ten a toponimia e o interese que suscitou no alumnado”
No instituto do Milladoiro o proxecto Imos por Ames apostou tamén pola interdisciplinariedade partindo dos nomes dos lugares. O traballo conxunto dos departamentos de Lingua galega, Xeografía e Historia e Matemáticas, e mais o equipo de dinamización da lingua galega concibiuse como un xeito de integración do alumnado no medio ante o desarraigo e o descoñecemento da contorna, non só xeográfico e histórico, senón tamén lingüístico.
Os lugares conquistados por Carlomagno en espiral
Xa pola tarde, José María Anguita Jaén, da área de Filoloxía Latina da USC, ofrecerá un achegamento á toponimia do Códice Calixtino a través das páxinas do Liber sancti Iacobi (s. XII) e as súas longas listaxes de topónimos.
As características xerais da toponimia do Liber sancti Iacobi avalan, segundo o investigador, a teoría de que a compilación é na súa maior parte obra dun único autor, “alguén moi viaxado, moi ben relacionado, con sólida formación sacerdotal e escolar, pero tamén ávido de coñecementos e formulacións novos», e que bebeu de moi diversas fontes para ofrecer estas prolixas relacións de nomes de lugar, desde tratados antigos de xeografía ata a recollida oral. Outro trazo singular das listaxes de topónimos desta obra é que a súa proxección no mapa ofrecen deseños xeométricos, desde a sinxela liña recta do propio trazado do Camiño ata a espiral «que debuxa o mapa da conquista da península Ibérica por Carlomagno segundo o Pseudo-Turpín, o cuarto libro do Liber Sancti Iacobi onde se narran as xestas do emperador”, conta.
José María Anguita Jaén deterase en tres topónimos desta listaxe, tres cidades ás que unha maldición do emperador convertería en ruínas: Lucerna Ventosa (Castro de Ventosa, León), Adania, que o profesor identifica como a localidade portuguesa de Idanha-a-Vella; e Capparra (ruína en Oliva de Plasencia, Cáceres), que segundo a súa proposta substituíu na versión definitiva do Liber sancti Iacobi a Coria, presente nas fontes altomedievais que inspiraron o tema da maldición-ruína, pero xa restaurada como cidade no tempo no que se escribiu a obra.
O investigador salienta a coincidencia de que este último topónimo (Cauria na forma latina) sexa tamén a peza clave da hipótese exposta en 2016 polo académico correspondente Gonzalo Navaza para explicar a orixe do nome da Coruña, que ve na Crunia da lista do Pseudo-Turpín unha forma defectuosa do Cauria.
Galicia como impulsora dos estudos toponímicos no Camiño
A partir das 17:00 horas, Luz Méndez moderará a mesa redonda sobre o papel de Galicia como impulsora dos estudos toponímicos sobre o Camiño que contará coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Eduardo López Pereira, membro da Academia Xacobea; Cristina Sánchez Carretero, antropóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas; e o académico correspondente Gonzalo Navaza. A gravación de todas as intervencións estará dispoñible na canle de Youtube da Real Academia Galega.