Como avogado e antigo servidor público no Goberno deste país téñolle un fondo respecto á profesionalidade e competencia dos letrados e letradas da Xunta de Galicia, corpo ao que pertence a conselleira de Economía e Industria, María Xesús Lorenzana. Isto explica que a un lle extrañe a súa interpretación da realidade a respecto da ateigada manifestación (unhas 50.000 persoas e máis de 600 barcos) deste domingo 23-M na Pobra do Caramiñal.
Pois ben, a conselleira Lorenzana demostra nidiamente que as malas influencias son máis fortes cás boas e asume o xeito de facer as cousas do peor hooliganismo popular de Paula Prado e Ángeles Vázquez, denunciando que a demostración cidadá da Pobra está manipulada e liderada polo BNG e amosa un “comunismo do século XXI” que “empobrece Galicia”. Miren vostedes. Xusto o día no que o PSdeG rachou de vez a súa ambigüidade adherindo expresa e incondicionalmente a convocatoria.
Velaí. Semella que a conselleira, semella que o presidente non se decatan das dimensións e da transversalidade da resposta cidadá (gandeiras e queixerías das Terras de Arzúa e Melide, da Ulloa e do Deza, hostaleiras do Camiño Francés, o sector mexilloeiro de Arousa na súa totalidade, o val do Ulla enteiro…). Non se decatan de que este movemento transversal abrangue das portas de Lugo ás portas das vilas arousanas e de Pontevedra, pasando polas portas da capital galega, Compostela. Atinxe ao miolo e corazón do noso país e esténdese ao longo de todo o seu territorio.
“Non escoitaron o berro unánime do ‘Altri, non!’ da gala dos Mestre Mateo”
Non escoitaron o berro unánime do “Altri, non!” da gala dos Mestre Mateo do noso audiovisual na capital dezá de Lalín o 14-M nin leron o recente informe do Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4515) onde os profesores da USC e UDC Eduardo Corbelle, Ana Isabel Gª Arias, Fernando de la Torre, Edelmiro López Iglesias ou David Peón advirten sobre do pulo ao cultivo do eucalipto que o proxecto Gama supón a respecto das actividades agrogandeiras, pesqueiras, marisqueiras, acuícolas e mitícolas. A respecto da produción de alimentos, para alén dos riscos de contaminación e incremento da temperatura da auga. Non leron tampouco un recente artigo do arquitecto David Chipperfield, ben pouco sospeitoso de filias partidistas, no que advertía sobre os perigos desta aposta polo monocultivo eucaliptal a respecto da produción diversificada de alimentos que requirimos para a nosa autonomía alimentaria.
Hai pouco máis dun ano coñeceuse a verdade a respecto deste proxecto Gama e a cidadanía galega foi consciente de que non era xa aquel proxecto de economía circular que no 2021 propuxo Inditex (e do que se afastou a multinacional galega), senón a reedición nos anos 20 do século XXI do monocultivo industrial de enclave, a reedición do franquismo industrial construíndo outra celulosa convencional. Hai pouco máis dun ano que a coalición dos sectores sociais galegos máis conectados á ciencia e o coñecemento, ao desenvolvemento sustentábel, á economía circular do futuro e á modernización equilibrada das nosas actividades produtivas desenvolve a súa loita contra un Goberno galego que aposta pola contaminación do noso pasado industrial no prexuizo das maiorías sociais e no beneficio dunha minoría.
Cando se decatará o PPdeG que está a perder esta guerra? Que máis división social quererá sementar entrementres na nosa sociedade?