Galicia e as Eleccións ao Parlamento Europeo 2024

Entrevistas coas candidaturas do BNG, PSOE e SUMAR Galicia

De cara ás eleccións ao Parlamento Europeo previstas para o vindeiro 6-9 de xuño, falamos co/as principais representacións electorais dos partidos políticos galegos que compiten por obter os seus escanos para o período lexislativo 2024-2029. As preguntas realizadas foron as seguintes:

1. Cales son as súas propostas principais para defender os intereses galegos no Parlamento Europeo?
2. Europa vive un momento de convulsión ante a auxe dos populismos e do euroescepticismo. Que iniciativas pensa impulsar para facer fronte a esta deriva política?

“O BNG é a única voz que defende os intereses galegos na UE”
Ana Miranda | Número 3 pola lista do BNG na plataforma AHORA REPÚBLICAS


1. Cando afirmamos que o BNG somos a candidatura galega queremos dicir que somos a única que da voz á Galiza e que defende os seus intereses fronte ás políticas da Unión Europea. O noso mellor aval é o recoñecemento por parte dos concellos, dos colectivos e das plataformas que trasladaron a Bruxelas esas problemáticas e demandas.

Defender os nosos sectores produtivos é un dos nosos obxectivos principais. Hai que apostar por unha nova Política Agraria Común (ÂC) que recoñeza as especificidades e características propias e que se aposte pola soberanía alimentaria en favor dun desenvolvemento sustentábel. É necesario ademais potenciar o apoio á produción ecolóxica, que se ten visto tan prexudicada polas decisións do goberno galego do PP.

Respecto á pesca, queremos estabelecer un novo status institucional para a Galiza na Unión Europea en materia pesqueira e recoñecela formalmente como “zona altamente dependente da pesca”. Isto garantiría o dereito a decidir nas institucións comunitarias onde se adoptan decisións como as cotas e os acordos pesqueiros con terceiros estados, por exemplo.

O sector da construción e reparación do naval é tamén prioritario e estratéxico. Defenderemos a súa capacidade produtiva, permitindo medidas de intervención pública que garantan o seu desenvolvemento pleno.

Non me podo esquecer de Altri, a macroplanta de celulosa que o PP pretende instalar mediante o uso de fondos europeos. Trala recente mobilización en Palas de Rei estamos convencidos de seguir denunciando este desastre ambiental porque non imos permitir que con fondos europeos se financie este proxecto. Piares fundamentais tamén serán a protección do medio ambiente, apostando pola soberanía enerxética dos pobos e o impulso das renovábeis baixo criterios de racionalidade e sustentabilidade. Tamén serán prioritarios a xestión de residuos e o saneamento integral das nosas rías e ríos, tal e como fixemos co saneamento da ría do Burgo.

“Non me podo esquecer de Altri, a macroplanta de celulosa que o PP pretende instalar mediante o uso de fondos europeos”

Ademais entendemos como prioritario impulsar infraestruturas ferroviarias –de pasaxeiros e mercadorías- e as conexións directas da Galiza co resto da UE. O impulso da intermodalidade, dos portos de Vigo e da Coruña, o Corredor Atlántico de mercadorías, e a conexión de alta velocidade Vigo-Lisboa son elementos que tamén consideramos fundamentais para o desenvolvemento social e económico de Galiza.

2. O aumento da ultradereita débese, en parte, ás políticas desenvoltas pola Unión Europea desde a súa creación e máis concretamente desde a crise económica de 2008. As forzas políticas de obediencia madrileña, no caso do Estado español, contribuíron a este ascenso convertendo a política nun espectáculo lamentábel. Mais, fronte a ese ruído e a esa lameira, no BNG apostamos por un traballo serio, sempre cun sorrios, e na loita contra o avance da extrema dereita. Neste sentido quero salientar que como relatora do Informe contra o avance do neofascismo en Europa daremos a cara máis unha vez por Galiza e as clases populares e en contra do fascismo.

Ademais, fronte ao modelo socioeconómico actual da UE que defende políticas antisociais que afonda nas desigualdades económicas, territoriais e sociais, o BNG defende os dereitos da clase traballadora galega e das maiorías sociais. O BNG, e eu mesma, estará en fronte de quen intente recortar en dereitos sociais e liberdades.

Fronte ás políticas machistas e patriarcais, de discriminación por razóns de orientación sexual e identidade de xénero, o BNG loitará por políticas de igualdade, co feminismo e a defensa dos dereitos LGBT por bandeira. Frente ao discursos de odio, modelos comunicativos de noticias falsas e censura, o BNG defenderá o pluralismo mediático e político, unha Europa de dereitos, liberdades e xustiza social. Denunciaremos o branqueamento do neofascismo.

E fronte a Europa deshumanizada actual, o BNG continuará a defender unha Europa dos Pobos, que teña como prioridade o respecto dos dereitos humanos, incluídos por suposto os das persoas migrantes e refuxiadas, cunha aposta decidida pola paz. Neste contexto só podemos dicir alto e claro cese ao fogo en Gaza xa!

“A maior ameaza á democracia é o ascenso da ultradereita”
Nicolás González Casares | Número 11 pola lista do PSOE


1. Os socialistas galegos comprometémonos a seguir exercendo como o principal interlocutor político de Galicia diante das institucións europeas para que as prioridades do país contribúan a orientar o proxecto comunitario. Entre estas prioridades hai que salientar que na próxima lexislatura deberase abordar a negociación e aprobación do novo marco financieiro post 2027. Reclamaremos que non se vexa mermados os orzamentos adicados ás políticas de cohesión e desenvolvemento rexional, mundo rural e pesca, defendendo un reforzo do presuposto comunitario para abordalas con garantías.

Necesitamos tamén unha revisión da PAC para o establecemento de “cláusulas espello” -mesmo nivel de esixencia aos produtos importados- así como unha simplificación administrativa e redución burocrática. En canto á pesca, defendemos que se reforme a Política Común para buscar un mellor equilibrio do piar social e económico respecto do ambiental, unha maior atención e definición da pesca artesanal, reforzar o papel da muller e impulsar a modernización da flota.

Galicia ten igualmente unha grande riqueza de recursos enerxéticos renovables autóctonos. Seguiremos promovendo que a transición ecolóxica sexa garantista, baseada na planificación e no dialogo coas rexións e sectores involucrados. Traballaremos para reducir a factura enerxética e mellorar a nosa competitividade. Tratase tamén dunha oportunidade industrial que defenderemos para atraer cadeas de valor e servizos asociados con capacidade para xerar emprego estable para as e os galegos.

“Para nós é irrenunciable a promoción da lingua e cultura galega: imos a seguir impulsando a implantación do galego como lingua oficial na Unión Europea”

Para nós é irrenunciable a promoción da lingua e cultura galega: imos a seguir impulsando a implantación do galego como lingua oficial na Unión Europea, así como iniciativas que promovan a conservación e difusión da cultura galega na Unión Europea. Promoveremos programas que apoien as actividades culturais e a educación en galego.

Finalmente, debemos fomentar o desenvolvemento de infraestruturas críticas, como melloras nas redes de transporte e en tecnoloxías dixitais co resto de Europa, prestando especial atención nas redes transeuropeas de transporte -en liña co compromiso do Goberno socialista para acelerar o Corredor Atlántico- e de enerxía.

2. Hai que falar das cousas polo seu nome: a maior ameaza á democracia europea hoxe en día ven da man do ascenso da ultradereita e a falta de convicción da dereita clásica para manter o ‘cordón sanitario’ fronte a estas forzas que socavan a convivencia democrática e os dereitos de cidadanía, sendo que non só compra o discurso senón que cogoberna co extremismo en distintos Estados membros. Os socialistas non imos dar nin un paso atrás en defensa dos valores democráticos da Unión e na defensa dos dereitos das mulleres ou de colectivos ameazados por eses grupos, como o colectivo LGTBI.

Igualmente, para facer fronte ás solucións simples dos populismos, cómpre desenvolver políticas que aborden as desigualdades sociais e económicas, que son a miúdo a raíz do descontento que alimenta o populismo. Iso inclúe iniciativas para o emprego, a educación e a protección social. Defendemos o impulso dunha axenda social sólida que protexa e garanta o benestar dos europeos, incluíndo un salario mínimo europeo, a transparencia salarial, o despregue do Pilar Europeo de Dereitos Sociais, unha Estratexia Europea de loita contra a Pobreza ou unha Garantía Infantil Europea. Tamén cremos necesario reforzar a transparencia e rendición de contas: promoveremos reformas que aumenten a transparencia das institucións europeas e que permitan achegar unha maior participación cidadá nas decisións políticas, o que axudará a mellorar a confianza na UE.

“A UE precisa de movementos como Sumar para facela máis crible”
Juan Manuel Díaz-Villoslada | Número 10 pola lista de SUMAR Galicia


1. “Galicia marca o rumbo en Europa” é o programa electoral co que, en conxunto coas propostas da nosa organización a nivel estatal, concorremos aos próximos comicios europeos que se celebrarán o 9 de xuño. En Sumar, así como en Sumar Galicia, somos unha plataforma europeísta que promove un modelo social europeo baseado na solidariedade como eixo fundamental para a construción de cidadanía.

A Unión Europea precisa de movementos como Sumar para facela máis crible, democrática, máis social e máis cohesionada. Precisa de forzas políticas serias que marquen un rumbo transformador para que a xente viva mellor, para as mulleres e para a mocidade. De forzas políticas como Sumar e Sumar Galicia, pacifistas e consecuentes, que se opoñen á guerra de Ucraína e á invasión de Gaza e sentan as bases para a paz, como o recoñecemento do Estado palestino, proposto pola nosa organización como condición necesaria para un pacto de Goberno no Estado. Pero tamén capaces de fomentar unha transición ecolóxica necesaria e xusta, contrarias a modelos como os de Altri en Palas de Rei, pero xerando alternativas de industrialización para Galicia. O Pacto Verde Europeo debe de ser panca para a nosa necesaria reindustrialización.

“Galicia ten que formar parte activa no novo reto europeo”

Galicia ten que formar parte activa no novo reto europeo. A nosa demografía, novas oportunidades de emprego e de atracción de talento, as nosas conexións ferroviarias con Europa. a Eurrorexión co Norte de Portugal, unha terra que coide do seu territorio, do seu litoral, dos seus maiores; os nosos valores culturais e ligüísticos nunha Europa multicultural, son elementos estratéxicos na nosa acción política en Europa.

2. O avance das forzas máis reaccionarias, a exacerbación da crise climática, o xenocidio do pobo palestino, a agresión rusa a Ucraína así como a crecente complexidade dos desafíos globais (financeiros, enerxéticos, ecosociais), afianzan o actual marco de encrucillada e cambio de ciclo tamén en Europa.

Diante desta encrucillada, Sumar aposta por unha Europa social, por un novo contrato social na UE, por un europeísmo transformador, fronte a alternativas reaccionarias e unha volta a políticas de dura auteridade fiscal que estragan o modelo social europeo, o noso Estado de Benestar. A xestión solidaria e expansiva da pandemia, a resposta urxente de acollida da poboación ucraína, son respostas que demostran que unha Europa social pode afrontar os novos desafíos, internos e externos. Son respostas solidarias e compartidas por toda a Unión, radicalmente distintas aos modelos impostos durante a Gran Recesión dende a “ortodoxia fiscal” e que debemos de superar de forma estrutural para avanzar cara un proxecto europeo máis democrático e solidario.

Reformas nos Tratados para unha maior democratización da gobernanza europea, unha  maior autonomía estratéxica, unha visión multilateral fronte a Europa “fortaleza”, garantir unha transición dixital con dereitos, que poña o proxecto europeo ao servizo da nosa mocidade, son metas inaprazables para o vindeiro quinquenio europeo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.