Oviedo | Alfonso Rueda, presidente da Xunta, asinou un convenio de colaboración co alcalde da capital asturiana, Alfredo Canteli, para que ambas Administracións sumen forzas para a proxección do Camiño Primitivo, que comeza en Oviedo. O acordo incluíu a colocación dunha mouteira do Xacobeo na capital asturiana, punto de partida do itinerario.
Rueda salientou que o acordo contribúe a fortalecer unha ruta que une os dous territorios dende o século IX, cando o rei Alfonso II realizou a primeira peregrinación a Santiago de Compostela tralo achado dos restos do Apóstolo.
O Camiño Primitivo, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO, experimentou un crecemento notable durante 2024 cun aumento do 18% no número de peregrinos, superando os 24.000. O xefe do Executivo galego apuntou que son boas cifras, pero que a idea e aspirar a máis, e reafirmou o compromiso da Xunta coa mellora da sinalización, os albergues, a dixitalización e a experiencia global do peregrino.
A colocación da nova mouteira busca dar visibilidade á ruta histórica e consolidar a súa promoción internacional de cara ao vindeiro Ano Santo en 2027. Neste senso, o titular do Goberno autonómico subliñou que Galicia continúa a traballar nun plan de accións internacionais para este 2025 que inclúen proxectar o Camiño en novos mercados, con actividades que inclúen novas mouteiras en Ottawa (Canadá), Luxemburgo ou Monte Nebo (Xordania).
Rueda reivindicou, así mesmo, a cooperación institucional entre Galicia e Asturias, e manifestou o desexo de seguir fortalecendo os lazos que unen os dous territorios, desde o impulso rural ata a proxección xacobea compartida. Neste senso, agradeceu a colaboración feita polo concello de Oviedo na posta en valor do Camiño Primitivo.