Santiago de Compostela | O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João António da Costa, mantiveron unha xuntanza para estreitar relacións no ámbito da lusofonía
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João António da Costa, mantiveron unha reunión de traballo co obxectivo de afianzar a estreita colaboración en proxectos lingüísticos e educativos entre Galicia e o país veciño.
O representante da Xunta incidiu na importancia da vantaxe lingüística que supón os vínculos coa lusofonía e na necesidade de aproveitar esta potencialidade que, no caso do idioma galego, supón valorizalo como lingua con utilidade internacional, tal e como queda reflectido na Lei Paz Andrade aprobada no ano 2014.
Na actualidade, preto de 5.000 alumnos galegos estudan portugués en Galicia tanto en centros educativos (como primeira ou segunda lingua estranxeira ou como materia de libre configuración) e en Escolas Oficiais de Idiomas. Tamén cómpre destacar os 25 anos que leva en marcha o proxecto transfronteirizo Ponte…nas ondas!, que promove o intercambio lingüístico galego-portugués entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que opta como candidatura conxunta a Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.