Galicia irá a eleccións autonómicas o 18 de febreiro de 2024

Así o anunciou o presidente Alfonso Rueda, tras xuntanza do Consello da Xunta

Santiago de Compostela | O que era un segredo a voces nos “corrillos” políticos galegos confirmouse definitivamente este 21 de decembro: Galicia celebrará eleccións autonómicas o vindeiro 18 de febreiro de 2024. Así o anunciou o presidente Alfonso Rueda tras xuntanza do Consello da Xunta.

A campaña electoral arrancará o 2 de febreiro, previa disolución do Parlamento galego unha vez se publique a convocatoria electoral no Diario Oficial de Galicia.

Tras varias semanas xogando ao despiste sobre a definitiva data electoral e unha vez aprobados os Orzamentos 2024 da Xunta de Galicia o pasado 19 de decembro, Rueda marca así a axenda política galega para as vindeiras semanas. Será a súa primeira cita electoral como cabeza de cartel dun PPdeG que, con 42 deputados dos 75 existentes no Parlamento galego, aspira manter a súa maioría absoluta. Terá enfronte ás candidaturas de Ana Pontón (BNG) e Xosé Ramón Gómez Besteiro (PSdeG-PSOE), a falta de coñecer as respectivas candidaturas de SUMAR, Podemos, VOX e Anova, todos eles actualmente sen representación parlamentaria.

Tras as municipais do 28M e as xerais do 23X, este será o primeiro test electoral directo e de importancia para Rueda, o cal permitirá calibrar a súa xestión desde que en 2022 substituíu a Alberto Núñez Feijóo ao fronte da Xunta e do PPdeG. Igualmente, a proba electoral é estratéxica para o PPdeG na súa pretensión por manter a hexemonía na presidencia da Xunta de Galicia cunha histórica quinta maioría absoluta consecutiva dende que volveu ao poder en 2009.

 

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.