Galicia na emerxencia lingüística.

O 11 do mes que andamos coñecimos os dados da enquisa que cada cinco anos desenvolve o Instituto Galego de Estatística a respecto dos usos lingüísticos no noso país, esta volta os do 2023. Por primeira vez na serie histórica, na historia do autogoberno e, de certo, na historia da Galicia as persoas residentes neste país que falan exclusiva ou nomeadamente castelán (52,4%) sobordan as que falan só ou preferentemente galego (47,6%). Mais a grande fenda entre 2018 e 2023 non está nas persoas que falan nomeadamente castelán, senón nas que falan só castelán (29,6% fronte ao 24,4% de 2018). Os números son arrepiantes se ollamos cara as persoas menores de 30 anos: 53,4% das menores de 15 e 43% das menores de 30 falan sempre castelán. O 32,4% da rapazada entre 5 e 14 anos non é quen de se expresar e galego!

“A labazada de realidade é dunha tan grande dimensión que esixe de todos e todas unha reacción cívica”

A labazada de realidade é dunha tan grande dimensión que esixe de todos e todas unha reacción cívica. Neste senso, o primeiro que compre dicir é que todos somos corresponsábeis destas circunstancias. Seica os tempos da pasividade fronte aos maltratos lingüísticos pasou. Habemos matinar que incomodidades estamos dispostos a enfrontar polo dereito de vivirmos en galego no noso país e se estamos dispostos mantermos nunha praxe monolingüe a respecto de todas as persoas residentes, mentres usamos acolledoramente o castelán, portugués ou inglés coas persoas transeúntes e turistas. Cómpre interiorizarmos que a persoa residente en Galicia, veña de onde veña, está civicamente obrigada a entender a nosa lingua.

Mais con sermos todos corresponsábeis a responsabilidade da Xunta e do PPdeG, que goberna dende hai 15,5 anos, é moi grave. Os números da falla de uso e, nomeadamente, da clarísima falla de aquelado coñecemento, están nas xeracións escolarizadas dende o Decreto de Pluringúismo de 2010, malia que a educación on constitúa o único campo de batalla. A cativada que ingresou nas escolas infantís naquel ano anda agora xa nos 19-22 anos de idade. A escola infantil galega antes do 2010 quería garantirlle a toda a rapazada o coñecemento do galego, nomeadamente nos ámbitos urbanos onde xa daquela estaba moito máis ausente. Núñez Feijóo e o PPdeG arrombaron esta política integradora. Grave é que non se poida usar do galego para deprender as matemáticas o a física, como ven de denunciar o Consello de Europa. Mais tanto ou máis grave é que a escola infantil facilite o analfabetismo da rapazada na lingua deste país.

Constatado o estado de emerxencia lingüística nacional, a Xunta habería enfrontar a convocatoria do pacto galego pola lingua previsto para o vindeiro 24-O dende uns parámetros que xa non poden ser os da defensa do Decreto de plurilingüismo ou dun falso bilingüismo harmónico. Este tempo xa pasou.

Diante da necesidade de pescudar novos vieiros para o acordo entre as tres forzas políticas parlamentarias e os axentes sociais, sindicais, empresarias e culturais deste país o sociolingüista profesor Henrique Monteagudo (USC e RAG) propón o uso do recente informe do Consello de Europa a respecto dos incumprimentos da Carta Europea das Linguas na nosa Galicia como alicerce para un moi difícil, mais moi preciso pacto galego pola lingua.

Neste informe denúncianse ben máis incumprimentos ca os educativos. A administración de xustiza na Galicia, a periférica do estado e a sanitaria galega son refractarias á nosa lingua. Para máis, existe unha ampla marxe legal para garantirmos o dereitos das persoas consumidoras a ser informadas e atendidas en galego, dereito que as persoas usuarias do catalán ou o euskera xa posúen.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.