A enxurrada ofensiva do autoritarismo trumpista contra a Unión Europea é unha realidade innegábel, como tampouco é cuestionábel o carácter quintacolumnista a respecto do trumpismo da internacional europea da extrema dereita, na que se insiren os españois de Vox e máis os portugueses de Chega. Estes extremistas autoritarios tentan substituir os valores europeos (liberdades, limitación do Poder, igualdade de dereitos, comunidade alicerzada na Lei e na regulación, Estado de benestar inclusivo das minorías e persoas economicamente desfavorecidas…) pola decisión unilateral de líderes carismáticos e milmillonarios que rexeitan calquera legalidade que limite ou regule as súas actividades económicas e intereses. O que eles chaman a súa liberdade que disque non pode ser limitada por lei ningunha.
Europa ha reaxir. E a única alternativa é afondar na unidade política asumindo as políticas de defensa e diplomática e substituíndo parcialmente aos Estados Membros (nomeadamente os máis grandes, como o Estado español) nas súas competencias directamente vencelladas á soberanía e artellando un auténtico Orzamento federal que implemente o axeitado financiamento deste grande salto cualitativo.
“Europa ha reaxir (…) Neste contexto, cal ha ser a actitude e o rol de Galicia na nova Europa?”
Neste contexto, cal ha ser a actitude e o rol de Galicia na nova Europa? Esta apelación, abondo é claro, diríxese ao galeguismo político, ao soberanismo galego, pois que as forzas estatais, o bipartidismo dinástico, non conciben Galicia na Europa senón é subordinada ao Estado español. É dicir, este debate interésalle substancialmente ao BNG, que monopoliza arestora a representación política do soberanismo galego, sen prexuizo que apele tamén a outras organizacións nacionalistas minoritarias e, por suposto e, tamén nomeadamente, á sociedade civil no seu conxunto.
Para o soberanismo democrático galego a opción entre un Estado español e outros Estados europeos disidentes do proxecto da unidade europea e xunguidos de xeito vasallático ao autoritarismo decisionista de Trump e Musk e unha Unión Europea forte, democrática, autónoma e auténtico suxeito prevalente da política internacional á que se lle ceden as competencias de políticas diplomática e de defensa dos seus Estados Membros non ten posíbel escolla. Porque esa unión política europea ha superar as divisións entre Estados Membros e só poderá alicerzarse no conxunto das cidadanías europeas. Nos distintos pobos e nacións no canto ou, polo menos, a carón (nunha primeira tirada) dos Estados Membros. Nun conxunto de distintas cidadanías que por vontade propia constituirán unha cidadanía plural europea, mais única no que atinxe aos valores, dereitos fundamentais e políticas comúns (tamén, nomeadamente a diplomacia e máis a defensa comúns)
Haberá quen diga que somos só 2,71M de persoas residentes e que só representamos un 0,6% da poboación da UE e o 5,53 da poboación do Estado. Mais a UE representa só o 5,6% da poboación mundial e o Estado só o 10,9 por cento da europea. Galicia ten unha poboación superior á de Chipre, Malta, Luxemburgo, Eslovenia, Lituania, Letonia e Estonia. Estes sete Estados partillan en pe de igualdade no Consello Europeo cos demais vinte Estados. A estonia Kaja Kallas é arestora responsábel da Política Exterior da UE. Galicia, en alianza con outras nacións europeas e británicas sen Estado e con quen máis lle sinalen os seus intereses, pode e ha partillar, con voz de seu, desa nova Europa que compre construír. Velaí unha das prioridades para os vindeiros anos do soberanismo galego.