Nesta última semana desenvolveuse en Madrid a Feira Internacional do Turismo (FITUR), á que concorreu a Xunta de Galicia presentando o noso país como refuxio climático, pois que o clima seica é “benigno” e o incremento da temperatura media anual acadou nos últimos anos “só” 0,2 graos fronte aos 0,25 da media estatal. A Xunta presentou tamén no seu expositor da feira unha reprodución dun suposto “bosque galego” con máis de trinta especies autóctonas presentes no noso territorio que van ser plantadas a carón da Cidade da Cultura.
É rechamante que a Xunta e, nomeadamente a súa conselleira responsábel do ambiente, Ángeles Vázquez, presenten urbi et orbe unha campaña turística alicerzada nos valores ambientais e climáticos dos nosos bosques e fragas cando o eucalipto coloniza xa a xeito de monocultivo máis da cuarta parte do noso territorio e o propio Goberno galego e o PP que o sostén defenden a celulosa de Altri para Palas de Rei, que absorbería ao día 46 millóns de litros de auga do Ulla, consolidaría e ampliaría a presenza do eucalipto e xeraría unha grande contaminación nas bisbarras da Ulloa, Arzúa, Melide (miren vostedes, a terra de orixe da conselleira Vázquez), na propia conca do Ulla e na ría de Arousa, dificultando, cando non impedindo, as actividades económicas destas áreas (gandería, turismo, agroindustria, marisqueo, acuicultura e pesca).
Tamén é rechamante a aposta turística polo número, por medrar en visitantes, cando fontes do sector hoteleiro denuncian que a estadía media e o gasto medio por visitante no verán en Compostela redúcese fronte outras épocas do ano por mor dunha saturación que desincentiva alongar a experiencia turística compostelá nesas semanas de tempada alta. Dende a asunción da presidencia, na primavera de 2023 o presidente Rueda sempre defendeu medrar en número e sempre amosou rexeitamento diante de calquera manifestación de saturación turística na Galicia.
“Rueda sempre defendeu medrar en número e sempre amosou rexeitamento diante de calquera manifestación de saturación turística na Galicia”
Verdade é que a saturación turística só é puntual no verán en Sanxenxo, O Grove e determinados lugares da Mariña e en Vigo en decembro e primeiros de xaneiro. Canto ao turismo de peregrinación este fenómeno existe en Fisterra e Compostela ao longo de medio ano. Fica, entón, un longo percorrido para acadar unha desexábel desestacionalización que seica comeza abrollar para varios destinos.
Mais os concellos afectados pola enxurrada de visitantes requiren urxentemente da taxa turística autonómica para enfrontar investimentos ambientais obrigados polo impacto dos visitantes (case un millón no 2023 na capital de Galicia). Mais tamén enfrontan problemas de coexistencia coa poboación residente (alugueiros de vivenda máis caros, falla de infraestruturas comerciais orientadas na poboación residente, infraestruturas urbanas ateigadas…). Negar esta realidade, como fan Alfonso Rueda e Angeles Vázquez, non é intelixente.
O propio sector turístico galego teme os efectos da saturación e aposta pola rendibilidade e sustentabilidade, tentando desestacionalizar a chegada de visitantes e construíndo acordos coas veciñanzas. O turismo é unha actividade fulcral da economía galega, cun 13% do PIB. Mais a degradación por saturación da experiencia turística galega é, tamén, un grave perigo para o sector, polo menos nalgúns lugares e nalgunhas épocas do ano.