Galicia tamén pulsou a tensión política venezolana

Diversas asociacións esixiron nas rúas galegas a investidura presidencial de Edmundo González Urrutia. Outros colectivos denuncian “inherencia imperialista e neofascista” en Venezuela

Vigo | Acudindo ao chamado da oposición en Venezuela liderada por María Corina Machado (partido Vente Venezuela), as asociacións de venezolanos en Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña así como representantes dos seus partidos políticos na nosa Comunidade manifestáronse nas rúas este 9 de xaneiro pedindo o respecto á vitoria electoral do candidato Edmundo González Urrutia o pasado 28 de xullo (28X) e reclamando a súa lexitimidade presidencial na investidura prevista para este 10 de xaneiro en Caracas, cando deba comezar un novo período de goberno ata o 2031.

En Vigo a concentración foi abraiante, con aproximadamente 300 persoas na Praza Elíptica. Baixo cánticos de “Edmundo Presidente” e “Liberdade para Venezuela”, os representantes das asociacións e partidos políticos, entre eles incluso cargos da Xunta de Galicia e do Partido Popular, clamaron pola recuperación da democracia e da liberdade en Venezuela nestas horas de incerteza, suspense e tensión. Como reflicten os medios de comunicación e as redes sociais, a líder opositora María Corina Machado reapareceu en Caracas durante a manifestación a favor da investidura de Edmundo González Urrutia, sendo brevemente detida polos organismos policiais e posteriormente liberada.

Cunha forte presencial policial nas rúas caraqueñas e manobras de represión, detención e intimidación contra líderes e activistas políticos opositores, entre eles o propio fillo de González Urrutia, o mandatario Nicolás Maduro pretende investirse como presidente este 10 de xaneiro cando a maior parte da comunidade internacional ou ben descoñece esta proclamación ou evita pronunciarse sobre os resultados anunciados polo Consello Nacional Electoral o pasado 28X, que proclamaron como vencedor a Maduro co 54% dos votos.

EEUU, Arxentina, Perú, Panamá e outros países recoñeceron oficialmente a vitoria electoral de González Urrutia. A Maduro o recoñecen como presidente un total de 40 países, entre eles Rusia, China, Irán, Cuba e Bolivia. Pola súa banda, España pide transparencia ao CNE para que publique as actas electorais definitivas. Madrid anunciou que non enviará a ningún representante á toma de posesión de Maduro. Colombia, Brasil e México enviarán a representantes diplomáticos.

A tensión e incerteza sobre o futuro político venezolano se acrecentou toda vez González Urrutia, exiliado en Madrid desde setembro pasado, realizou esta semana unha xira por Arxentina, EEUU e Panamá na que confirmou a súa decisió de retornar a Caracas este 10 de xaneiro para “facer cumprir a vontade popular” e ser investido como presidente. O goberno de Maduro xa anunciou unha recompensa de 100.000 dólares pola súa captura en caso de entrar en territorio venezolano.

Toda vez, Maduro tamén ten os seus apoios en Galicia. O Capítulo Galego da Internacional Antifascista emitiu o pasado 7 de xaneiro un comunicado oficial condenando “enerxicamente a constante intromisión das potencias imperialistas e outros países intervencionistas nos asuntos internos de Venezuela” para “solidarizarse co pobo venezolano e coa Revolución Bolivariana” contra “”o imperialismo e o neofascismo”.

Asinaron este comunicado AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega.

Tamén asinaron  intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.