Moitas das persoas que consideran a Galicia o seu país, non se atreven a soñar nin a traballar e aínda menos a loitar por unha Galicia ceibe; pois moitas veces a xente non se permite o luxo de ter patria, xa que ten outras necesidades máis urxentes que satisfacer e non encontra a relación inmediata entre unha cousa e outra ou incluso ten medo a perder o que conseguiu con esforzo, se amosa unha actitude rebelde ante un poder que dista moito de ser verdadeiramente democrático e que en calquera momento pode tomar represalias. Porén si hai unha relación directa entre a nosa pobreza individual ou colectiva, a ruína e marxinación de Galicia en todos os eidos (materiais e lingüísticos e culturais) e a nosa dependencia política e económica do Estado español. O centralismo español afóganos, repímenos, átanos, espólianos e intimídanos. Mais Galiza vive porque hai quen resiste e traballa por ela a pesar de todo. Soñar cunha Galiza ceibe e soberana, democrática, xusta, solidaria e próspera (é dicir, socialista), está ben; pero aínda está mellor tentar converter en realidade ese soño, traballando ou apoiando a quen o pode facer posíbel paso a paso: o nacionalismo galego e o BNG en concreto, desde o seu compromiso responsábel e ambicioso coa nación e co pobo galego.
Xa o dicía Castelao: “o verdadeiro heroísmo consiste en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”. E aínda vou escribir outra cita: “un pobo digno, valente non se rinde e non volve xamais á escravitude”: son palabras de Fidel Castro, un líder que nunca pensei que chegaría a citar…
Estos días hai unha ciclónese en Galicia, que chamaron Ana, e que trae proveitosas choivas. Será unha metáfora poética do noso destino?