GALP Ría de Vigo-A Guarda destinou 600.000€ en proxectos durante 2020

Cun total de once proxectos desenvolvidos

Vigo | O pasado ano, marcado pola irrupción da pandemia da Covid-19 e a crise económica que a acompañou – e que aínda se deixa sentir-, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda continuou a traballar no fomento do tecido socioeconómico dos municipios da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda).

Durante o 2020, esta entidade, encargada de xestionar as subvencións da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), inxectou 585.643 euros en axudas públicas a once proxectos, seis produtivos e cinco non produtivos, chegando a financiar máis do 80% do investimento total nalgúns casos.

Entre os proxectos produtivos están os desenvolvidos por H.Q. Seaweed, S.L. ou por Frigoríficos de Vigo, S.A. que introducen novos procesos na produción, comercialización e distribución dos seus produtos, algas mariñas no primeiro caso e polbo, especialmente, no segundo. En relación á actividade turística vinculada ao mar, hai iniciativas como a de Glamping do Mar S.L. que aposta pola innovación dos servizos de aloxamento turístico co “cámping de glamour”, a creación dun albergue mariñeiro que promocione as actividades e produtos ligados ao sector pesqueiro, o deseño de rutas de pescaturismo a bordo dun barco pesqueiro no ámbito do Parque Nacional Marítimo -Terrestre das Illas Atlánticas ou o desenvolvemento de roteiros turísticos en bicicleta pola costa.

Entre os proxectos non produtivos está a iniciativa ‘Os mares de baixura: unha web para formar e informar’ da Asociación Mar Seguro de Galicia cuxo obxectivo é darlle visibilidade ás oportunidades que ofrece o sector pesqueiro ás novas xeracións. A dinamización da Enseada de Cesantes para a práctica do kitesurf ou aposta da Asociación San Xerome Emiliani pola formación e capacitación en proxectos de economía circular vinculados ao sector pesqueiro da comarca do Baixo Miño son outros dos exemplos. Así tamén, relacionado co coidado do medio, sitúase o plan de recuperación do litoral do Concello de Nigrán consistente nunha batería de accións de mellora patrimonial e ambiental, e o proxecto da Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa para modernizar o sistema de retirada de algas co fin de recuperar as poboacións de especies mariñas.

Para as persoas interesadas en desenvolver proxectos vinculados ao mar, a convocatoria de axudas permanecerá aberta ata o vindeiro 1 de marzo. Para máis información sobre os trámites a realizar poden poñerse en contacto co GALP Ría de Vigo – A Guarda nos teléfonos 986 35 81 09, 646 87 31 06 ou enviando un correo electrónico a galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal.