Tras gañar con maioría absoluta as eleccións municipais do pasado 28 de maio no Concello das Neves, José Manuel Alfonso González (PPdeG) asume por vez primeira o goberno municipal deste Concello de 3.746 habitantes (2022) pertencente á Comarca do Condado-Paradanta.
Desde os tempos pre-democráticos, As Neves tivo Alcaldes conservadores, agás un breve interregno cando foi Alcalde o Cura de Tortoreos, Verísimo Sueiro. Logo saltamos ás últimas dúas lexislaturas nas que entrou a esquerda. De novo volve a dereita. Que lectura fai Vde.?
Gañamos porque coñecíamos mellor a realidade das Neves. Temos un equipo novo, xoven, comprometido e que se ben non estaba moi metido na política fixo un gran traballo nas parroquias coñecendo as súas necesidades, falando cos veciños. Pode tamén que existira un desgaste do goberno de esquerdas BNG-PSOE, no poder desde 2015. Ben é certo que tradicionalmente As Neves é un Concello de dereitas, conservador, e que ese mesmo desgaste puido propiciar que no seu momento a esquerda chegara ao poder. Pero penso que a esquerda non soubo aproveitar as súas oportunidades. Por outra banda, moitos dicían que eu era unha especie de “marioneta” do ex Alcalde Raúl Emilio Castro Rodríguez, cousa que non é certa.
E como agarda será o papel da oposición neste novo período?
A oposición, especialmente o BNG, ten manifestado que fará unha oposición férrea. Eu agardo que sexa unha oposición construtiva.
“Estamos traballando na construción dunha ponte peonil con Monção”
Os Concellos bañados polo Miño están desenvolvendo políticas co río como eixe estratéxico. Ten algún proxecto para subirse a este carro?
Nós estamos en dous grupos de acción: a GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) Condado-Paradanta e a AECT Rio Minho. Temos varios proxectos en marcha sempre observando a necesidade de aproveitar os nosos recursos naturais derivados dos ríos Tea, do Miño e do Termes. Coa Deputación de Pontevedra a través da AECT estamos traballando na construción dunha ponte peonil con Monção, que permitirá unha maior mobilidade e convivencia cidadá. Tamén coa AECT estamos traballando no proxecto de Anel Verde para revalorizar a senda do río Tea ata Salvaterra e Crecente. E tamén están os proxectos europeos. Europa ten que facer un saneamento do Miño, en especial en materia de dragados porque acumúlase moita area na desembocadura do río. Ademais as eléctricas fan un uso abusivo das crecidas do río. Por outra banda tamén atendemos os requerimentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Ao sector vitivinícola sumado co mel, que futuro lle albisca?
A mel é un proxecto de futuro comarcal. No caso do sector vitivinícola, hai que recoñecer que é o motor económico das Neves e que, polo tanto, ten cambiado a fisonomía agraria deste Concello. Pero o seu futuro estará tamén moi determinado polas políticas medioambientais e de sostibilidade que veñen de Europa.
As Neves ten proxectos conxuntos con Salceda e Salvaterra en materia de igualdade. Fortaleceranse e ampliaranse os devanditos servizos?
Teño que recoñecer que, con anterioridade, era escéptico sobre estes proxectos. Pero unha vez comecei a coñecelos tamén decateime da importancia e viabilidade dos mesmos. Con estes Concellos levamos a cabos o proxecto “Xuntas” adicados ás mulleres en materia de emprego, benestar e tamén para combatir a violencia de xénero. Tamén temos coa Deputación de Pontevedra o proxecto “Mulleres Extramuros” de carácter artístico para revalorizar o rural. E iguamente con Salvaterra e Salceda estamos no proxecto de Atención Temperá para os máis pequenos.
A PLISAN. Como está repercutindo nas Neves?
Hai que tomar en conta que As Neves ocupa unhas dúas terceiras partes do chan industrial da PLISAN. Veñen iniciativas e proxectos importantes para a comarca. Hai un gran interese de empresas chinesas para investir así como de Stellantis. E obviamente tamén estamos pendentes da presenza das empresas xa establecidas como Albo, Frinsa, Beta Implants, Gainser e Lonza.
“Hai un gran interese de empresas chinesas e de Stellantis para investir na PLISAN“
Xa pasaron os “100 días” do seu bautizo como Alcalde. Cal é o plan de goberno que ten sobre a mesa?
Estamos na fase de atención e de rendición de contas. Pero hai un proxecto que consideramos importante para a seguridade do noso municipio e que ten que ver coa estrada PO-400 na parroquia de Setados, no que xa temos a aprobación da Xunta de Galicia da man da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
O Concello viña realizando encontros de solidariedade cos saharauís. Tamén ten irmandamentos con Concellos franceses. Ten en mente ampliar estes espazos de internacionalización para o municipio?
Imos retormar a Asociación de Irmandamentos (Association des Amis d’Neves) cos Concellos franceses de Legé, Touvois e Corcoué sur Logne. De feito en novembro iremos a Francia para unha congregación con eses e outros Concellos europeos irmandados con esas localidades francesas. E acabamos de inaugurar nas Neves a rúa de Legé, en conmemoración destes irmandamentos.
No caso dos saharauís, este verán unha familia das Neves acolleu a dous nenos saharauís refuxiados no marco do programa “Vacacións en Paz” da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) Continuaremos estudando estes proxectos para darlle maior amplitude no futuro.