A Cañiza | Estudar aproveitamentos agroforestais de éxito e avaliar a súa posible implantación nas terras do Condado e da Paradanta foi o obxectivo principal das xornadas de traballo que a xunta directiva e equipo técnico do GDR Condado Paradanta mantiveron nas terras asturianas do Baixo Nalón e Camín Real de la Mesa.
Ao longo de dous días de traballo coñeceron en primeira persoa iniciativas de promoción turística e agrogandeiras consolidadas e viables como as producións gandeiras sostibles inmersas en parques naturais de máxima protección medio ambiental e explotacións agrarias ecolóxicas.
Estas liñas de crecemento, que xa contempla a estratexia 23/27 do GDR Condado Paradanta, levounos a organizar visitas e reunións con autoridades políticas e técnicos forestais, medio ambientais e de turismo en colaboración co Grupo de Desarrollo Rural Bajo Nalón e co GDR Camín Real de La Mesa.
En Pola de Somiedo comprobaron, xunto ao seu alcalde e actual presidente tanto do GDR Camín Real de la Mesa como da Red Asturiana de Desarrollo Rural (READER), Belarmino Fernández, que vivir nun territorio de alta protección medio ambiental é unha riqueza que posibilita 130 explotacións gandeiras e, a súa vez, estar nos primeiros postos do ranking do turismo natural en España. “Puidemos constatar que producir e protexer é totalmente compatible, que o gando pode habitar o seu medio natural e ser unha fonte de recursos económicos que completa o atractivo da paisaxe”, explica Paco González, xerente do GDR Condado Paradanta.
Nesta mesma vila estudaron a execución do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), documento que nestes intres redacta e ultima o GDR Condado Paradanta. “Aprendemos do seu percorrido na execución dunha estratexia que afronta a súa última fase e coa que nos comezamos a traballar, algo que nos permitíu consultar dúbidas e mellorar o enfoque”, sinala o presidente do GDR Condado Paradanta e alcalde de Covelo, Pablo Castillo.
A delegación integrada polo presidente do GDR; Pablo Castillo; os alcaldes da Cañiza e de Mondariz, Luis Piña e Xoán Carlos Montes, máis os tenentes de alcaldes de Mondariz Balneario e Ponteareas, José Luis Bouza e Juan Carlos Carrera; e dous membros máis da Xunta Directiva (Fátima Estévez da mesa sectorial empresarial e profesional e Julio Eiroa da mesa sectorial de protección do medio ambiente), visitou, ademais, diferentes explotacións ecolóxicas e centros de transformación de kiwis financiadas con fondos Leader nos concellos de Pravia e Soto del Barco que despois de 20 anos de avance no territorio son hoxe un dos sectores produtivos máis importantes.
Convencidos da importancia de pór en valor as nosas terras e da súa capacidade produtiva afondaron nas súas estratexias de diversificación do sector agrario para avaliar a posible aplicación nas terras agrarias abandonadas do Condado e da Paradanta.
Alcaldes, concelleiros e representantes das mesas sectoriais do GDR Condado Paradanta e alcaldes e técnicos asturianos do Bajo Nalón e Camín Real de la Mesa compartiron inquedanzas e estableceron as bases de próximas alianzas para futuros proxectos financiados con fondos europeos.