A Cañiza | “PENSA, ACTÚA E CONSTRÚE TERRITORIO”. Ésta é a lenda elexida polo Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta para buscar e incluir novas asociacións e formacións como socios do Grupo.
O GDR é unha asociación sen fins de lucro, cuxos asociados son entidades públicas e privadas do noso territorio de actuación: A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, O Covelo, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.
Como Grupo de Desenvolvemento Rural, ten asinado un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, para a xestión Fondos Europeos, a través do Programa LEADER, para que as empresas e entidades públicas e privadas poidan por ser beneficiarios de axudas económicas para por en marcha os seus proxectos.
No momento actual atópase nun período de transición entre períodos de programación; remata o Programa LEADER 2014 – 2020 e dará comezo o Programa Leader 2023 – 2027.
De cara a ese novo período de programación o GDR ten que elaborar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP), que será o documento base para a execución do programa no territorio.
A metodoloxía LEADER fundaméntase no concepto do traballo de “abaixo cara arriba”, de modo que é a propia veciñanza, a través das diferentes asociacións, quen define as necesidades e as oportunidades do territorio como punto de partida para construír o noso futuro.
Esta EDLP definirá, entre outras cuestións, qué tipo de proxectos poderán ser beneficiarios dos fondos económicos no seguinte período 23–27, en función das necesidades que identifique a veciñanza.
Por todo isto e para que todas as formacións e asociacións do Concello poidan decidir sobre o noso futuro, é importante ter un representante por cada mesa sectorial ( asociación veciñais, culturais, de mulleres rurais, de empresarios e comerciantes, cinexéticas, deportivas de acción social, comunidades de montes, xubilados e pensionistas entre outras).
5 motivos polos que asociarte ao GDR Condado Paradanta:
1º- Axuda a levar a cabo o teu proxecto de desenvolvemento.
2º- Escoita as túas propostas de mellora e decrecemento comarcal.
3º- Promove o traballo en equipo a través das mesas sectoriais.
4º- Favorece as sinerxías entre as persoas. Disporás de espazos nos que compartir experiencias e crear oportunidades de cooperación.
5º- Facilita a participación activa no desenvolvemento local. Serás parte protagonista do desenvolvemento territorial.