A Cañiza | Con motivo do 8M a GDR Condado Paradanta reivindicou o importante papel da muller no mundo rural dentro da estratexia de desenvolvemento “Reverdecendo Condado Paradanta”.
Así foi recoñecido o labor da eslovaca Jana Kadlecova, propietaria da axencia de viaxes Bodega Travel, dun punto de atención turístico, Visit Condado, do coworking ApartOffice e a xestión dun apartamento turístico en Ponteareas; Lorena Durán, quen rexenta unha casa rural, A Cantaruxa Maruxa, en Vilasobroso; Dolores “Loli” Rodríguez co Hostal O Cendal en As Neves; e Inma Comesaña co seu negocio de cabañas na Devesa de Crecente.
“As mulleres sempre foron un motor no mundo rural e por iso o GDR ten sempre abertas vías de colaboración para ofrecer formación, asesoramento, apoio con fondos como o LEADER e axuda na tramitación e xestións coas administracións, ademais de acompañamento para que sigan a ser unha parte fundamental da vida no rural”, sinala Paco González, xerente do GDR.
Dende As Neves, Crecente, Vilasobroso e Ponteareas, Loli, Inma, Lorena e Jana atopan no Condado Paradanta o autoemprego como fórmula para unha conciliación familiar e laboral máis doada; convértense, á vez, en empresarias e dinamizadoras económicas e sociais e dan unha nova vida a espazos que agardaban volver ser produtivos.